Telefónica participa nunha iniciativa internacional para conectar ecosistemas de startups

mércores, 9 de setembro do 2015 Redacción

Dun tempo a esta parte estase a afianzar a fórmula do acubillo e lanzamento de novas empresas (startups) por parte de compañías tecnolóxicas xa consolidadas. Un claro exemplo é a iniciativa Telefónica Open Future, no que se insire Galicia Open Future, a nosa palestra de aceleración empresarial TIC posta en marcha por Telefónica para crear na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago) un centro de crowdworking a pleno rendemento (arestora atópase mergullado na súa segunda convocatoria). Pois ben, perante unha fórmula que se espalla no mundo con múltiples ecosistemas de startups diferentes, se cadra o que cumpría é unha canle que os unise, ou polo menos a boa parte deles. Disto, de unir e conectar, trata unha iniciativa internacional na que participa precisamente Telefónica a través de Telefónica Open Future.
Ademais da operadora, concorren neste proxecto, con cadansúa plataforma de innovación, as compañías Singtel (Singtel Innov8), Orange (Orange Fab) e Deutsche Telekom (hub:raum). A idea non é outra que unir forzas para salvar as distancias entre os actuais ecosistemas de novas firmas tecnolóxicas que existen no Sueste Asiático, África, Europa, Latinoamérica e Oriente Medio. Isto, sinalan, farase catalizando o medre das empresas alén dos seus mercados locais. Ou sexa, seleccionaranse startups que poidan acceder aos recursos e redes das catro empresas devanditas do sector das comunicacións, incluíndo o coñecemento de mercados, a presentación a socios, o uso de espazos de coworking e o acceso aos negocios operativos das compañías. As startups escolmadas tamén terán a oportunidade de acceder á base de clientes das operadoras, con máis de mil millóns de clientes en catro continentes.
Segundo Edgar Hardless, conselleiro delegado de Singtel Innov8, “para nós este acordo ofrécenos unha gran oportunidade para estreitar os nosos vínculos cos principais hubs de innovación de todo o mundo, e máis tendo en conta que cada vez é maior a cifra de startups que aspiran a ir máis aló dos seus mercados locais e internacionalizarse”. E engade: “As nosas amplas conexións no Sueste Asiático poden axudar a abrir portas ás novas firmas africanas, europeas, de Oriente Medio e latinoamericanas”. Así mesmo, as compañías acubilladas poden aproveitar esta alianza para estender a súa actividade fóra dos seus propios mercados.
Para Ana Segurado, directora de Telefónica Open Future, “este acordo é unha oportunidade inigualábel para reforzar o compromiso de Telefónica de desenvolver iniciativas innovadoras que axuden aos operadores de telecomunicacións a mellorar a experiencia dixital de compañías de todo o mundo”. Con esta alianza, explica, “Telefónica complementa a súa estratexia de innovación aberta, e convértese nunha das súas iniciativas clave tralo lanzamento fai cinco meses da Plataforma de Investimento en Comunicación (CIP)”.

PUBLICIDADE