Telefónica loa a actividade galega en responsabilidade social e anímanos a amosala nos seus Ability Awards

venres, 4 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Na nosa terra hai múltiples exemplos de empresas que traballan tendo en conta a responsabilidade social en todas as súas actividades, en moitos casos aplicada ao eido TIC. Isto materialízase en servizos e tecnoloxías accesíbeis de cara á propia tecnoloxía ou en recursos que favorezan algo máis amplo: a inclusión social. A cuestión é que cómpre amosarlle ao mundo este potencial solidario cos colectivos con diversidades funcionais ou motrices, ou coa terceira idade. Esta é a mensaxe que lanzou Telefónica este venres en Santiago, onde presentou a terceira edición dos premios Telefónica Ability Awards. A cita foi no Hostal dos Reis Católicos e nela lembrouse o gran obxectivo do certame: recoñecer ás empresas e entidades que traballan para tirar abaixo barreiras sociais.
Os galardóns en cuestión, en palabras da operadora únicos en España dentro do seu ámbito de acción, fan fincapé nas mellores prácticas de empresas e entidades, a nivel nacional, a favor das persoas con diversidades funcionais, cognitivas ou motrices. A cita en Santiago contou coa presenza de Manuel Alonso, director de Telefónica en Galicia, Eduardo Puig, director de Stakeholder Engagement da operadora, e Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar. Todos eles animaron ás firmas e organizacións da nosa terra a participar no certame e amosar a súa creatividade solidaria, a súa capacidade de desenvolvemento cara a consecución dun mundo mellor e máis igualitario. Tamén lembraron que o certame aínda ten aberto o prazo para a recepción de candidaturas e que os dez gañadores do certame desvelaranse durante unha cerimonia prevista para o primeiro trimestre de 2015.
Manuel Alonso, na súa intervención, alentou encarecidamente ás empresas e institucións da nosa terra, sobre todo ás PEME, “a participar e contribuír coa súa candidatura a prol da valorización dos modelos de negocio inclusivos”. E engadiu: “Queremos que Galicia tamén destaque”. Ao fío do devandito, lembrou que un dos grandes retos de Telefónica nesta terceira edición é o de incrementar a participación das pequenas e medianas empresas, “pois xogan un papel fundamental no tecido empresarial de Galicia”. Na súa opinión, o labor de responsabilidade social destas firmas debe visualizarse canto antes e cos medios dos que se dispoña, máis tendo en conta a calidade de moitos dos seus produtos tecnolóxicos e o mérito de contar con menos recursos cás empresas grandes. Alonso fixo saber que unha das novidades que incorporan os galardóns este ano é que a categoría absoluta Mellor Pequena Empresa Privada acollerá só as candidaturas de microPEME con menos de 50 empregados. Até agora podían competir as empresas que tivesen menos de 250.
En total, en anteriores edicións concursaron 453 entidades, que se presentaron a case 600 categorías, sendo as comunidades con maior participación Madrid, Andalucía, Cataluña e Valencia. A idea de Telefónica é incluír á nosa terra onde se merece: entre as comunidades que máis proxectos amosan. Ao fío disto, Alonso fixo saber que a participación galega “é clave para promover a igualdade de oportunidades e construír unha sociedade mellor e máis accesible”. Para asentar os seus argumentos e amosar precedentes claros, recordou nas anteriores edicións do certame, até seis organizacións galegas resultaron finalistas en diferentes categorías, entre as que se atopaban Izco, Autocares M. García ou AMTEGA.
Na presentación do certame tamén interveu Eduardo Puig, que fixo un percorrido polos diferentes tipos de diversidades funcionais máis comúns na sociedade actual, ao tempo que lembrou que a porcentaxe de persoas con estas características non para de medrar, en boa medida debido ao envellecemento da poboación. “Queremos situar a diversidade funcional na axenda pública, queremos visualizala a nivel local e global”, dixo.
Beatriz Mato, pola súa parte, cualificou a terceira edición do certame de “boa nova”. Na súa opinión, “é moi positivo atopar grandes empresas que fan esforzos pola inclusión social, e aínda é máis positivo cando estas empresas estimulan e alentan a outras empresas e entidades a sumarse á responsabilidade social empresarial”. Mato aproveitou a ocasión para facer un chamamento ás empresas para que incorporen nos seus equipos de traballadores a persoas con diversidades funcionais, cognitivas ou psicomotrices. Para a conselleira, é bo dar exemplo dende as grandes compañías, que xeralmente teñen máis capacidade para ensinar estes esforzos.
Presentación de candidaturas
Os Telefónica Ability Awards constan de 10 categorías agrupadas en dous grandes grupos: categorías absolutas e principais. As primeiras acollen os premios a Mellor gran empresa privada, Mellor pequena empresa privada e Mellor Organización do sector público, e incorporan nesta edición unha nova categoría, Innovación para a inclusión, coa que se premiará as mellores prácticas de emprendemento tecnolóxico “que acheguen solucións para as persoas con discapacidade, respondendo así ao potencial que ofrecen as novas tecnoloxías para reducir a brecha da discapacidade”, informou a operadora.
Esta nova categoría artellarase a través da plataforma Telefónica Open Future , plataforma na nube na que a compañía integra as ferramentas de emprendemento e investimento do grupo e establece un sistema de alianzas con socios estratéxicos, públicos e privados, como a Xunta de Galicia. O obxectivo desta iniciativa é crear “un hub global de innovación aberta para impulsar a creación de empresas e a innovación tecnolóxica, xerando de maneira indirecta medre económico e emprego”.
As categorías principais recoñecen, doutra banda, o Compromiso e liderado de alta dirección; o Recrutamento e selección; a Accesibilidade do espazo físico; a Orientación a clientes; o Desenvolvemento profesional e formación; e a Prevención e retención.
As empresas e institucións galegas interesadas en participar nos Telefónica Ability Awards poden presentar a súa candidatura até o 16 de abril a través do formulario que está dispoñíbel na web de seu. Despois, porase en marcha “un intenso proceso”, composto por varias fases, e que durará preto de 10 meses.
Segundo fai saber a operadora, o equipo de PwC, entidade verificadora dos premios e responsábel de garantir a excelencia e a independencia do proceso, será o encargado de recibir, custodiar e avaliar a validez e solvencia das candidaturas remitidas, tamén de forma presencial, para despois presentar ao xurado unha listaxe e un informe dos mellores candidatos. O nome dos gañadores desvelarase durante unha gala que terá lugar no primeiro trimestre do vindeiro ano. O actor e presentador malagueño Pablo Pineda, gañador da Cuncha de Prata do Festival de San Sebastián en 2009 e primeiro europeo con síndrome de Down cun título universitario, exercerá como embaixador oficial dos Telefónica Ability Awards.

PUBLICIDADE