Telefónica levará o eDNI á tarxeta SIM dos móbiles

luns, 14 de febreiro do 2011 Raquel Noya

A feira Mobile World Congress de Barcelona vén de abrir hoxe as súas portas para dar acollida aos máis modernos dispositivos e tecnoloxía punta para móbiles chegada de tódolos recunchos do mundo. Porén non todo o que vén de fóra é mellor que o feito na casa e para mostra Telefónica, que vai aproveitar este congreso internacional para dar a coñecer un “proxecto de innovación pioneiro no mundo”, un sistema que lle permite aos clientes levar o DNI electrónico na SIM dos seus teléfonos móbiles.
A operadora ten ata o vindeiro xoves para dar a coñecer esta “tarxeta intelixente” e cativar con ela ao público asistente, un público que se caracteriza polo alto nivel de esixencia en canto a deseño e funcionalidade dos dispositivos achegados.
O sistema que presenta Telefónica permite aproveitar a SIM dos móbiles para levar (de maneira totalmente segura) os datos do eDNI e empregalos á hora de acceder a páxinas web que esixen identificación previa, tales como as de entidades bancarias, empresas de servizos, administracións públicas…
O servizo tamén será de utilidade para validar a identificación do cliente ou a súa idade á hora de acceder fisicamente a edificios como discotecas ou oficinas, así como de maneira virtual a redes sociais ou páxinas para adultos nas que se esixe unha idade mínima.
Asemade, esta proposta pretende aproveitar a SIM para outras utilidades, sacando así partido do espazo dispoñible na tarxeta, do procesador critpográfico que contén, do sistema de arquivos ou do protocolo que, por defecto, permite o intercambio de datos co teléfono móbil de maneira totalmente segura.
Este innovador proxecto, que Telefónica desenvolve conxuntamente con Secuware, permite explorar as posibilidades das tecnoloxías involucradas e “preparar o camiño para unha futura explotación comercial”, afirmaron.
O proceso de extracción da información do eDNI é doado e conta coa supervisión da Dirección Xeral da Policía, que garante en todo momento a privacidade dos datos. Asemade, esta información almacenada na SIM unicamente estará accesible para aplicacións asinadas co certificado de Telefónica, evitando deste xeito o acceso a terceiros non autorizados.

PUBLICIDADE