Telefónica lanzou a súa Tarifa Diaria de 1 euro para acceder á Internet móbil

martes, 24 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Telefónica vén de poñer no mercado unha oferta de acceso á banda ampla móbil que semella unha opción a ter en conta. Trátase da Tarifa Diaria para Rede móbil, servizo que non precisa ser contratado e do que se poden beneficiar xa os seus clientes (en realidade, dende o 18 de abril), que pagarán un euro por cada día que se conecten dende calquera lugar, con calquera aparello tecnolóxico que permita a conexión e a calquera hora, segundo informa a empresa española. O paquete inclúe unha descarga de 10 megas. Se estes son superados, deberemos contratar de novo outro bloque de 10 megas por outro euro.
A tarifa supón unha redución no custo de 20 veces na modalidade de contrato e de dez na de prepago, en relación cos prezos habilitados até o 17 de abril. Ademais, a operadora completa a listaxe de novas ofertas coa tarifa plana do módulo Navegación e Correo PDA, coa Tarifa Plana 3,5 Xb e coa Tarifa Plana 3,5 sen límites. O primeiro módulo está encamiñado sobre todo a dar servizo ós traballadores que acceden decote á Rede dende un PDA. Por 15 euros poderán descargar 200 megas. A Tarifa Plana 3,5 Xb ofrece un tráfico mensual de 1 xiga e comercialízase a 30 euros.

PUBLICIDADE