Telefónica integrará nunha única oferta ADSL e 3G

venres, 4 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Telefónica quere aproveitar o seu dominio no mercado do ADSL (do que ten o 56,2% das liñas) para recuperar posicións fronte a Vodafone coa telefonía 3G, pois a operadora británica ten 1,1 millóns de clientes máis con terminais de terceira xeración, e así vai empaquetar nunha única oferta de servizos de ADSL, Internet móbil e Wi-Fi por única tarifa fixa ao mes que se coñecerá como Banda Ancha Total de Negocio.
A nova oferta contará con 6 tarifas combinado o actual Dúo ADSL de 1 e 3 Mbps que custan 19,9 e 39,9 euros respectivamente coas tarifas planas móbiles de 15, 30 e 39,9 euros, para que o cliente poida elixir en función do tipo de uso que fará do servizo.
Na tarifa máis cara o usuario pagaría 67,9 euros (fronte aos 78,9 euros que custaría contratando os servizos por separado) e a máis barata custaría 29,9 euros (fronte aos 34,9 euros do seu prezo independente), ou sexa, cunha rebaixa aproximada dun 14%.
Para facilitar a atención dos clientes que se acollan á nova oferta, os servizos funcionarán coma se estivesen contratados por separado, de xeito que a súa contratación só suporía unha rebaixa económica.

PUBLICIDADE