Telefónica informa dun reforzo das infraestruturas de comunicación en Santiago e contorna

venres, 26 de xullo do 2013 Redacción

A operadora Telefónica quixo pór o seu gran de area axudando nas tarefas de atención aos afectados e ás súas familias da traxedia de Angrois. E fíxoo, informa, mantendo dende o día 24 pola noite un gabinete de crise para coordinar tódolos traballos de reforzo de infraestruturas de comunicacións en Santiago e, de xeito específico, na área do sinistro e máis “en puntos críticos da capital galega”. A maiores, e segundo nos contan fontes da operadora,“desde primeira hora do día 25 de xullo están a operar en Compostela dúas unidades móbiles especiais desprazadas desde León e destinadas a reforzar a cobertura en hospitais e no edificio Cersia, onde se instalaron 24 liñas fixas para que poidan ser utilizadas polos equipos e os familiares alí desprazados”. O interior do edificio e a súa contorna tamén foron dotados con cobertura Wi-Fi aberta.
Por outra banda, os devanditos traballos acompañáronse dunha identificación de tódalas estacións base de Santiago que dan cobertura aos puntos que segundo Telefónica foron os máis críticos: contorna do accidente, hospitais, tanatorio, Xunta, Policía Local. Todas estas estacións base configuráronse para operar en formato de emerxencias, comentan fontes da operadora, para dar prioridade ao servizo de voz. Asemade, a empresa conta que monotorizou e reforzou os números de atención aos familiares, 112, 061, SERGAS, Xunta de Galicia, “e dende a dirección de Telefónica en Galicia existe unha coordinación permanente coa Axencia Galega de Emerxencias”, engade.

PUBLICIDADE