Telefónica impulsa un concurso para mellorar a imaxe da música clásica con realidade virtual

martes, 17 de xaneiro do 2017 Redacción

Músicos da Escola Raíña Sofía en pleno concerto

Pode ser compatíbel a música clásica e o jazz co mundo virtual? A isto quere responder a convocatoria lanzada pola Escola de Música Raíña Sofía e Telefónica Open Future cos seus Retos dixitais para a música clásica, nos que se elixirán a dúas start-ups que colaboren con dous proxectos do innovador Programa de Emprendemento e Innovación da Escola madrileña. As empresas emprendedoras no eido da innovación dixital interesadas en participar poden presentar a súa solicitude até o 8 de febreiro.
O Programa de Emprendemento e Innovación musical, posto en marcha pola Escola de Música Raíña Sofía co apoio da Fundación Banco Sabadell e da Fundación Daniel e Nina Carasso, é o primeiro programa deste tipo en España no ámbito da música clásica e ten un propósito duplo: achegar aos estudantes de música as ferramentas e habilidades para desenvolver a súa carreira artística e achegar a música clásica á sociedade.
Así, o concurso Retos dixitais para a música clásica (inserido nese programa) xorde con tres obxectivos: apoiar aos emprendedores, capacitalos con obxecto de converterse en empresas de éxito; innovar no ámbito da música clásica coa xeración de novos procesos, sistemas e produtos que contribúan ao desenvolvemento da prestación de servizos; e atopar solucións tecnolóxicas que operen na dixitalización da música clásica.
Atendendo a isto e co propósito de que a música clásica chegue a todo tipo de público e sirva de ferramenta de acción social, educativa e cultural para o desenvolvemento da sociedade, xorden dous retos: Como facer que os concertos de música clásica e de jazz de Madrid sexan coñecidos por todos? Solucións, plataformas, apps, etc.; e Como mellorar a experiencia dos concertos de música clásica grazas ás tecnoloxías de realidade virtual?
As dúas empresas emprendedoras seleccionadas traballarán, durante cinco meses, cun grupo formado por alumnos da Escola de Música Raíña Sofía, co gallo de explorar e achegar avances nun destes dous desafíos, coa finalidade de mellorar o coñecemento, a difusión e a promoción da oferta de concertos e actividades nunha cidade como Madrid, amais de mellorar a experiencia do concerto e facer que sexa atractivo para novos públicos.
Para máis información sobre a convocatoria en cuestión cómpre visitar a web de Telefónica Open Future. Sobre o Programa de Emprendemento atoparemos máis datos neste vídeo.

PUBLICIDADE