Telefónica estrea a súa tenda de aplicacións, mstore

mércores, 9 de setembro do 2009 Raquel Noya

A operadora nacional Telefónica, considerada na actualidade como líder do mercado no desenvolvemento de servizos de música, videoxogos e aplicacións da Terceira Xeración móbil, vén de afianzarse neste posto privilexiado ao anunciar o lanzamento de mstore, un servizo con máis de mil aplicacións no seu catálogo que estará aberto a todo tipo de clientes, a través dunha experiencia “axil, directa e optimizada” ás capacidades e posibilidades de calquera tipo de terminal dos principais fabricantes.
A nova tenda forma parte dun proxecto global que nun futuro chegará aos máis de 200 millóns de clientes móbiles que Telefónica ten en todo o mundo, aínda que nesta primeira fase será un lanzamento local do que se poderán beneficiar case 10 millóns de clientes de Movistar en España, e que nas próximas semanas superarán os 12 millóns.
Para Guillermo Ansaldo, presidente de Telefónica España, mstore forma parte da estratexia de Telefónica de achegar a banda ancha móbil aos seus clientes, “complementando o valor das tarifas planas de datos e facilitándolle ao cliente un rápido acceso a un novo mundo de aplicacións de entretemento, lifestyle e utilidades".
Asemade, con este servizo, a operadora facilítalle á comunidade internacional de desenvolvedores, unha canle e un escaparate de primeiro nivel para chegar ao cliente final, independentemente do seu tipo de terminal.
No momento do seu lanzamento a tenda conta con máis de mil aplicacións, clasificadas en 14 categorías, entre as que destacan os Xogos, os Dicionarios, o Entretemento, as Finanzas, a Saúde, os GPS-Mapas, a Información e as Redes Sociais.
Esta ferramenta, á que se accede dende a páxina de emoción a través do móbil e dende o PC a través da web oficial de Movistar, tamén inclúe tradutores de distintos idiomas, unha gran variedade de asistentes de viaxes con mapas de metro de cidades e horarios de voos, aplicacións con toda a actualidade ao momento e as series de televisión máis vistas do momento.
Asemade, o servizo complétase, entre outras cousas, con aplicacións para o control de gastos, envío de notas, xestión de albums de fotos, receitas de cociña, trucos de maxia ou test de personalidade.
Para descargar estes e outros contidos, o usuarios tan só precisa facer “click” dende o seu terminal e nese momento xa lle aparece no móbil o novo icono que serve de acceso directo á aplicación descargada.
O prezo pola descarga destes contidos varía entre os 0,49 euros e os 19,99 euros (IVA non incluído), sen esquecer que máis de un 10 por cento son de balde.

PUBLICIDADE