Telefónica estrea PopCha!, unha aplicación móbil para xestionar películas

xoves, 28 de xuño do 2012 Raquel Noya

O debate sobre o futuro dos videoclubs en liña é un fervedoiro que da lugar a múltiples comentarios a favor e en contra dos novos servizos de vídeo en streaming que van chegando ao noso país, e que atopan seareiros e detractores case por igual porcentaxe (outra cousa é que os usen de pago).
Porén do que non hai ningunha dúbida é de que o cine gusta, e moito, e xunto cos videoxogos e a música, as películas e series son os arquivos máis demandados na Rede, para consumir no tempo de ocio.
Aproveitando este “tirón”, Telefónica I+D vén de lanzar unha aplicación móbil para descubrir, recomendar e gardar referencias de películas, que se fai chamar Popcha!, e que avisa cando se estrean en cines, televisión e videoclubs en liña as pezas audiovisuais que os usuarios desexen.
PopCha! dispón dunha base de datos de centos de milleiros de películas, incluídas as estreas inminentes, á que os usuarios poden acceder para localizar a peza que lles interese, compartila con outros usuarios a través de Twitter e Facebook, e mesmo gardala nunha bolsa persoal de películas para ver no futuro.
A aplicación, asemade, avisa automáticamente das películas da bolsa que se van estrear nalgunha das devanditas canles controladas polo servizo, como estreas de cine na cidade na que reside o usuario, TDT, Movistar Imagenio e Movistar Videoclub.
PopCha! está dispoñible de balde na Apple Store de España e as persoas interesadas pódena descargar independentemente de que sexan clientes ou non de Telefónica.
Esta última anunciou, asemade, que o servizo evolucionará con novas funcionalidades, e que se vai estender a outros dispositivos móbiles e mesmo a outros países.

PUBLICIDADE