Telefónica elixe o Metro de Madrid para estrear un sistema de publicidade en movemento

martes, 11 de outubro do 2016 Redacción

Madrid converterase na primeira cidade europea (e unha das primeiras do mundo, ao igual que Seúl ou São Paulo) en pór en funcionamento a experiencia de ver publicidade en movemento dentro dos túneles do Metro da capital durante os seus desprazamentos. Isto será posíbel grazas a un novo mecanismo levado a cabo pola empresa canadense Adtrackmedia e o seu socio de integración Telefónica. Onte a liña 8 de Metro de Madrid (entre as estacións de Colombia e Novos Ministerios) estreaba este soporte publicitario, que paseniño se irá ampliando a outros treitos e liñas de Metro.
Así, Telefónica pasa a ser a primeira compañía que emprega esta nova tecnoloxía para que os viaxeiros de metro de Madrid poidan ver o último anuncio de Movistar Fusión durante todo o mes de outubro.
E indo á tecnoloxía en si mesma, dicir que é patentada por Adtrackkmedia e consiste na instalación dun sistema secuencial de dispositivos LED ao longo da parede do túnel que se transforma nunha única pantalla de centos de metros de lonxitude e que crea a ilusión de estar a ver unha imaxe en movemento, permitindo aos viaxeiros visualizar a través dos portelos do tren anuncios publicitarios animados sen son. Cada un deses monitores LED ten gravada unha imaxe estática. Mediante uns sensores o sistema detecta o movemento cando se achega o tren e a velocidade deste fai que comece a funcionar. Cada barra LED emite a imaxe estática que ten gravada, de tal xeito que o usuario dende o interior do vagón percibe unha secuencia en movemento, igual que se estivese a ver a publicidade nunha sala de cinema ou diante dun televisor.

PUBLICIDADE