Telefónica e o CERMI colaboran para achegarlle as TIC ás persoas con discapacidade

xoves, 30 de xullo do 2009 Raquel Noya

A operadora internacional Telefónica mailo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), a fin de favorecer a integración na sociedade da información, a través das novas tecnoloxías e os servizos de telecomunicacións, dos colectivos máis desfavorecidos, como son os de persoas con algún tipo de discapacidade ou minusvalía, veñen de asinar un acordo de colaboración mediante o cal poidan poñer en marcha iniciativas conxuntas que favorezan a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía.
Neste acordo, asinado hoxe por Luis C. Pérez Bo, presidente de CERMI, e Luis Abril, secretario xeral técnico da Presidencia de Telefónica, ambas as dúas entidades comprometéronse a executar accións coas que responder ás necesidades das persoas con discapacidade dende unha perspectiva integral, é dicir, como clientes, empregados, provedores e cidadáns.
Neste senso, o CERMI asesorará á multinacional española sobre as necesidades e problemas de accesibilidade das persoas con discapacidade con respecto aos produtos e servizos, mentres que Telefónica creará ofertascomerciais especialmente deseñadas e dirixidas ás persoas con discapacidade. Outra vía de colaboración inclúe proxectos pilotos e estudos para impulsar a innovación neste campo.
Asemade, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade prestará o seu apoio a Telefónica no lanzamento dos Telefónica AbilityAwards, que terán lugar proximamente en España.
Do mesmo xeito, ambas entidades están a considerar a posta en marcha de iniciativas conxuntas de comunicación, sensibilización, formación e concienciación; así como un impulso da integración laboral das persoas con discapacidade a través do emprego e a promoción das compras de produtos e servizos a Centros Especiais de Emprego.
O obxectivo final deste acordo, que se enmarca no proxecto dirixido a impulsara diversidade e inclusión, Telefónica Accesible, é mellorar a calidade devida deste colectivo.

PUBLICIDADE