Telefónica e a FEMP, a prol de introducir aos concellos na vida dixital

luns, 7 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

César Alierta e Gabriel Álvarez na sinatura do convenio

Telefónica e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) veñen de anunciar un pacto en común para contribuír á introdución da cidadanía na era dixital. Máis polo miúdo: o acordo vai encamiñado a fomentar ese novo tipo de relación coas administracións en que non só non é preciso facer acto de presenza (neste caso nos edificios vinculados ao concello) para levar a cabo un trámite calquera senón que mesmo é posible participar máis na vida pública e dende o fogar (con axuda da Rede, do móbil ou da Televisión Dixital Terrestre).
O pacto, que potenciará actividades e estudos que contribúan ao afianzamento das novas tecnoloxías no eido local, achegará un traballo conxunto entre as dúas entidades fomentando a banda larga e a telefonía móbil no sector das institucións, organizacións e empresas locais. Asemade, o acordo vai dirixido a facer un seguimento da evolución das infraestruturas de telecomunicacións nos concellos. Con este e cos fins devanditos, poranse en marcha estudos, foros de discusión e eventos de difusión e debate sobre as TIC e Administración Local.

PUBLICIDADE