Telefónica e Sogecable comercializarán xuntos servizos de telecomunicacións e contidos

mércores, 27 de xuño do 2007 Raquel Noya

A partires do vindeiro 30 de novembro deste ano, o Grupo Telefónica e Sogecable, van comercializar xuntos Internet por ADSL, nun “paquete” denominado “Trío” que inclúe voz e televisión vía satélite de Digital +, segundo un acordo por catro anos que veñen de asinar esta mesma mañá.
Mediante o devandito acordo, Telefónica e Sogecable comprométense ademais a colaborar na adquisición de contidos de televisión de pago no mercado nacional aínda que seguirán facturando por separado ós respectivos clientes e realizando de xeito individual as súas instalacións e servizos particulares de atención ó cliente.
As entidades implicadas nesta sinatura explican que ofrecerán unha oferta “triple play” competitiva, a través da cal, Sogecable poderá ofrecerlle ós seus clientes a posibilidade de dispor de televisión con ADSL e Telefónica engadiralle á súa oferta actual un servizo de televisión de pago por satélite coa que complementará a cobertura de Imagenio.
No referido á compra de contidos, será Sogecable a que dirixa as actuacións para o subministro dos mesmos a Telefónica, deste xeito, explican “mellorará o catálogo de títulos dispoñibles nas súas respectivas ofertas”.
Ningunha das dúas empresas descartan a posibilidade de achegar futuros acordos con outros operadores.

PUBLICIDADE