Telefónica e MySphera unen forzas para dar forma á saúde do futuro

mércores, 27 de abril do 2016 Redacción

Fernando Abella e Salvador Vera, CEO de MySphera

Telefónica quere afondar na súa liña de traballo en eSaúde, que é como se coñece a confluencia entre novas tecnoloxías e atención médica (as primeiras mellorando a segunda). Con este obxectivo vén de asinar un acordo coa compañía MySphera para implantar nos hospitais as tecnoloxías desta última. Como lembraremos MySphera é un referente no desenvolvemento de sistemas de localización e identificación de pacientes. As súas tecnoloxías RTLS e RFID fan seguimento a distancia dos doentes a través da posición dun elemento móbil e dos datos achegamos por este. Estas achegas teñen potencial para abranguer todas as áreas dun centro de saúde e reducir as perdas de equipamento até nun 95%. Amais, acurtan os tempos de espera en urxencias até nun 18%. A idea de Telefónica é xuntaren forzas para dar forma ao que cualifica de “Hospital Dixital do Futuro”.
Segundo engade a operadora, con MySphera “mellórase a eficiencia dos procesos e da xestión do inventario; increméntase a seguridade dos pacientes, cuxos familiares reciben información do seu estado e evolución de forma sinxela, e optimízase o uso dos recursos humanos e do material sanitario”.
Telefónica tamén salienta, nun plano máis concreto, o devandito sistema de localización en tempo real (RTLS) para pacientes, profesionais e activos. Este sistema, mediante tags a xeito de pulseiras, cartóns ou etiquetas, emite sinais de identificación a unha rede de antenas instaladas en puntos fixos do hospital que se conectan a un servidor. Este localiza o equipamento ou as persoas que levan a etiqueta dentro do Hospital, “logrando reducir en máis do 50% o tempo empregado na procura do equipamento”, principalmente por parte de celadores e profesionais de subcontratas.
Ademais, explica a operadora, os paneis de información en tempo real que incorpora MySphera informan de maneira automática aos familiares do estado de cada doente evitando as interrupcións ao persoal da unidade.
Para Fernando Abella, director xeral de Negocios Dixitais de Telefónica, “este acordo é un paso decisivo para conseguir o hospital do futuro, máis dixitalizado e onde a xestión de recursos humanos e materiais sexa máis eficiente no control e planificación dos procesos internos de áreas tan críticas das contornas hospitalarias como urxencias, quirófanos ou planta de hospitalización”.

PUBLICIDADE