Telefónica e Mapfre desenvolven un servizo de teleasistencia para persoas maiores

martes, 5 de maio do 2009 Raquel Noya

A telefonía móbil e Internet son dous servizos que, a día de hoxe, se fixeron practicamente indispensables para a sociedade na que nos tocou vivir e moitas veces ocupan tanto tempo do noso lecer que optamos por desconectalos para, dalgunha maneira, estar “conectados” coa vida real.
O segredo, como en todo, reside en aproveitar as vantaxes que ofrecen ambas ferramentas ao máximo e tratar de evitar o seu uso indiscriminadamente.
Un bo exemplo para comprobar as infinitas vantaxes que obtemos mediante o uso responsable do móbil e de Internet vén de ser presentado por Telefónica e Mapfre Vitae, que desenvolveron un servizo de teleasistencia móbil para persoas maiores que lles permite ás familias coñecer en todo momento “como e onde se atopan” os seus anciáns ou aquelas persoas que non queiran perder de vista.
O novo servizo permite prestar asistencia aos maiores dentro e fóra dos domicilios a través de telefonía móbil e de Internet mediante unha sinxela ferramenta de comunicación e seguimento baseada nun sistema de localización AGPS (Assisted GPS) de terminais móbiles.
Para este proxecto, Telefónica desenvolveu unha web a través da cal as familias poden localizar a ubicación concreta da persoa maior gracias ao sistema de localización do seu teléfono móbil.
Asemade, a ferramenta permite enviarlle recordatorios ao seu terminal ou xestionar, modificar e incluir novos datos no mesmo cando sexa preciso.
Mapfre Quavitae, pola súa banda, aporta unha central telefónica que está operativa as 24 horas do día para realizar o seguimento das persoas maiores, resolver emerxencias médicas e psicolóxicas e intervir ante calquera alarma, entre outras cousas.
O proxecto piloto púxose en marcha en Madrid, e terá unha duración de catro meses; asemade, conta con 200 participantes, os cales, xa están a recibir formación e os equipos de telefonía necesarios.

PUBLICIDADE