Telefónica e Endesa poñen en marcha a primeira cabina que permite recargar vehículos eléctricos

mércores, 12 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Telefónica vén de presentar en Madrid a primeira cabina telefónica que poderá ser empregada, a maiores do servizo tradicional, como punto de recarga de vehículos eléctricos. A instalación, emprazada no Distrito C (na sede de Telefónica) é a primeira dunha serie que a operadora prevé longa e extensa en áreas metropolitanas. Dispón dunha zona de aparcamento para que o condutor deste tipo de vehículos teña espazo de abondo para estacionar e recargar as baterías do seu vehículo de xeito gratuíto (sempre e cando dispoña da tarxeta prepago Cero Emisións que dispensará de balde o Concello de Madrid).
A idea de Telefónica con esta primeira experiencia piloto é dar a entender que o proxecto pode ter futuro e que hai alternativas aos motores de combustibles fósiles para desprazármonos polas cidades, e máis tendo en conta os problemas de contaminación que estes achegan.
Detrás deste proxecto atópase a alianza Telefónica-Endesa, empresas que queren amosar o seu compromiso coa mobilidade sostible, “facilitando e facendo viable a recarga eléctrica na vía pública”. Polo que respecta á achega de Endesa, dicir que a súa responsabilidade neste proxecto cínguese ao desenvolvemento do modelo de transporte eléctrico co que se poderá facer uso destas instalacións. O obxectivo da empresa era tirar proveito de algo que xa existira como subministro de enerxía para os vehículos que porá en circulación. Neste caso, as cabinas telefónicas, presentes en todo o territorio estatal e dispoñendo case na súa totalidade de subministro eléctrico, co que se evitaría ter que realizar obra civil a maiores para levar a acometida até o mesmo.

PUBLICIDADE