Telefónica conta con 24.400 clientes galegos de fibra de 600 Mbps simétricos

xoves, 2 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Telefónica xa foi quen de superar a cifra dos 3,8 millóns de clientes dos seus servizos de fibra até o fogar (FTTH polas súas siglas en inglés) en todo o ámbito estatal. Entre as razóns deste fito tecnolóxico e comercial figuran moitas das que falamos os días pasados dende Código Cero, reflectindo un estudo de UCGAL no que se situaba a devandita operadora como a mellor valorada en cuestión de calidade e resposta. No que se refire á xeografía galega, a cifra de clientes de fibra até o fogar de 600 Mbps simétricos da operadora é de 24.400, sendo de 15.500 a fibra de 100 Mbps. En total, 40.000 usuarios destas dúas modalidades.
Estas cifras coinciden co décimo aniversario da comercialización deste tipo de conexións de banda larga ultrarrápida por parte de Telefónica, posta en marcha en 2008 cunhas velocidades de acceso iniciais de 30 Mbps, que, por certo, vénse amplamente superadas polos 600 Mbps actuais.
Polo que respecta aos clientes que teñen contratados servizos de 600 Mbps simétricos, a cifra ascende ao millón de usuarios en toda España. Os que desfrutan de 100 Mbps simétricos, pola súa banda, son 370.000.
En total, arestora Telefónica conta con 3,8 millóns de clientes de fibra, o que significa que gozan desta tecnoloxía dúas de cada tres clientes de banda larga. Ademais, a cobertura de fibra supera xa os 20 millóns de unidades inmobiliarias, en palabras da operadora unha das máis amplas do mundo.
Tecnoloxías concretas de mellora
A fibra óptica de Movistar compleméntase co router Smart Wi-Fi, un dispositivo tres nun (ONT, router e videobridge) no que Telefónica incluíu as que serían, nas súas palabras, “as capacidades máis potentes de conectividade para ofrecer a máxima velocidade e a mellor cobertura dentro do fogar”. Isto conséguese optimizando con tecnoloxías sen fíos e automáticas as actuais velocidades da fibra de Movistar 600 Mbps. A tecnoloxía sen fíos do Smart Wi-Fi está optimizada para eliminar as interferencias e dispón de funcións avanzadas como a asignación automática dos terminais do cliente (smartphones, tabletas,..) á rede sen fíos de altas prestacións.

PUBLICIDADE