Telefónica comercializará Office 365 e Windows Phone 7

xoves, 7 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Telefónica e Microsoft veñen de subir un novo chanzo na súa colaboración, desta volta no camiño de afianzar a súa presenza conxunta no eido das comunicacións unificadas. Segundo informaron este mércores 6 nun comunicado, a nova andaina común responde a dúas cousas: por unha banda a súa arela compartida de “mellorar a vida das persoas e o desenvolvemento dos negocios”, e pola outra, incrementar o seu negocio no eido das comunicacións para grandes empresas e administracións no eido da converxencia e a colaboración. O acordo, como tódolos desta índole, é unha suma de solucións: Telefónica achegando a súa experiencia en servizos de comunicacións e Microsoft poñendo en xogo recursos de tecnoloxías do coñecemento.
O achegamento non é novo. De feito, en 2008, estableceuse un acordo de semellantes características. Porén, a gran diferenza radica no pulo gañado nos últimos anos pola tecnoloxía e pola súa vertente cara ao social e cara a participación. Isto, informan, mudou para sempre a maneira en que os grupos de traballo establecen comunicación, cousa que afecta a todas e todos: empresas, clientes, provedores, etc. “Os produtos de comunicación unificadas de Microsoft”, informaron as empresas con motivo deste novo acordo, “fóronse adaptando a esta nova realidade, empregando tódalas capacidades de colaboración do xeito máis eficaz, mentres que os servizos de xestión personalizada de Telefónica demostraron ser o complemento perfecto para sacar aos primeiros o seu máximo potencial”.
En virtude de todo isto e parar ir abrindo camiño, a operadora comercializará o paquete Office 365, suite de servizos na nube que inclúe Microsoft Office, Microsoft SharePoint Online, Microsoft Exchange Online e Microsoft Lync Online; permitíndolles aos usuarios “traballar en calquera intre e en calquera lugar mellorando a produtividade das compañías”. Amais disto, o acordo establece que Telefónica sexa a primeira firma do sector a nivel estatal que ofreza en España teléfonos co sistema operativo Windows Phone 7, “o resultado dun ambicioso esforzo por ofrecer un teléfono distinto, xa que se trata dun smartphone deseñado para ser empregado tanto no ámbito persoal como no profesional”.

PUBLICIDADE