Telefónica anima ás empresas galegas a tirar o máximo partido das redes e da nube

martes, 7 de febreiro do 2012 Redacción

Investir en redes e coñecemento é investir en todas aquelas cousas que nos poden axudar a sermos máis produtivos, sustentábeis e, polo tanto, a saír canto antes da focha económica. Esta é unha das grandes conclusións ás que se chegou este martes en Santiago, na cita convocada por Telefónica no Hostal dos Reis Católicos, unha xuntanza con profesionais galegos das TIC para falar de cadansúa experiencia empresarial de éxito no mercado, desenvolvida baixo o seguinte epígrafe: TIC e redes sociais, claves para a competitividade. O evento, inserido nun programa itinerante que inclúe as principais cidades de España, serviulle a Telefónica para amosar o que vai ser o día de mañá para as empresas e os cidadáns. Un día de mañá, informou a operadora, no que máis que estarmos nas redes, viviremos nelas.
A compañía tamén aproveitou a oportunidade para dar a súa opinión sobre o potencial galego no eido das TIC, ao seu xuízo moi alto. Entre outros moitos datos, informou de que a día de hoxe, o 17% das empresas galegas con máis de dez empregados vende xa a través da Rede. Asemade, quíxose salientar que o 98% das PEME da nosa terra dispoñen de conexión a Internet, contando o 65% delas con páxina web.
A xornada deste martes, que se retransmitiu en directo vía streaming, contou coa presenza de Manuel Ángel Alonso, director de Administracións Públicas Norte de Telefónica, Marcelino Otero, presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Antonio Bengoa, director de Relacións Sectoriais e Territoriais de Telefónica, e Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización. Esta última fixo un percorrido polos máis recentes datos sobre o afianzamento das novas tecnoloxías no noso país, cousa que, sinalou, ten os seus puntos fortes (o devandito volume de PEME na Rede, a taxa delas que ten web) pero tamén algunha que outra eiva, como por exemplo o fenda dixital que separa ás empresas medianas e pequenas das microempresas, estas últimas moi por debaixo en uso das TIC. De feito, dentro do panorama de firmas con menos de dez empregados, nas que o 64% dispoñen de acceso a Internet, unicamente o 27,4% contan con web. Para Mar Pereira, resulta primordial darlle a volta a estas cifras, e máis se temos en conta que o mundo, alén das microempresas, é cada vez máis dixital e interconectado. “Nunha contorna coma esta”, sinalou, “dispor de acceso e presenza en Internet constitúe un elemento clave para que as empresas galegas poidan abrirse ao mundo e dar visibilidade ao seu negocio, así como un factor imprescindíbel de subsistencia”. As ferramentas das que dispón ou pode dispoñer o noso tecido produtivo son moitas e variadas, sinalou, pero sen dúbida as redes sociais e o comercio electrónico están entre as máis salientábeis e as de meirande proxección de futuro. No caso das redes sociais, fixo saber Mar Pereira, cómpre ter en conta que estamos a falar de ferramentas con centos de millóns de usuarios en todo o mundo (Facebook ten 800 e Twitter 200 millóns), polo que non cabe dúbida de que unha boa parte do camiño de buscar olladas potenciais aos nosos produtos ou servizos, xa estaría percorrido.
En semellantes termos amosouse Antonio Bengoa, para quen as redes sociais son xa sinónimo de oportunidade de comunicación, diálogo, promoción e análises de mercado e tendencias certeiras, sempre e cando se saiban empregar, achegando contidos de valor, aprendendo a saber o que a xente necesita e a ver que resposta terán os nosos produtos. Bengoa, que comezou o seu relatorio facendo fincapé na estreita ligazón que hai entre entre investimento en TIC e produtividade (a nivel de empresas pero tamén de países), falou tamén de computación na nube e de como a vida das empresa semella estar cada vez máis a este nivel, un contorno, o da nube, que non é novo (de antigo vén a nosa teima de ter cousas na Rede), pero que abrangue cada vez máis elos da cadea empresarial e de mercado, máis servizos, máis manobras a desenvolver. Segundo fixo saber, en 2020 o 34% dos servizos estarán na nube.
Logo da intervención de Bengoa, participaron na xornada de Telefónica representantes das seguintes empresas galegas: Blusens (José Ramón García, presidente); Iterdata (Juan Manuel Méndez, director xeral); Ip Web (David Bello, presidente); Loroestudio (Manuel Rey, director); Twin Shoes, (Itziar Villar, directora); Restalo,(Juan Otero, fundador e CEO); e Construdata 21, (Marcelino Otero, conselleiro delegado). Todas elas compartiron cos presentes os seus casos de éxito a influencia das novas tecnoloxías nestes logros e no desenvolvemento do seu negocio.

PUBLICIDADE