Telefónica amosa na Coruña diversas tecnoloxías a prol da innovación empresarial

xoves, 9 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Os responsables das medianas e pequenas empresas galegas teñen este xoves unha oportunidade de estreitar ligazóns de cooperación con Telefónica no marco dunha xornada de encontro empresarial organizada na Coruña pola operadora. Trátase do evento Entre Profesionais 2011. Máis polo miúdo, e segundo informa a propia compañía española, o encontro consiste en poñer ao alcance das firmas galegas o seu potencial e a súa experiencia a prol da innovación nas súas múltiples manifestacións. A cita, de carácter práctico, desenvólvese arestora no Mirador de San Pedro.
Segundo informa Telefónica, ao longo da mañá darase acubillo á presentación de catro servizos innovadores encamiñados a incrementar a produtividade, a redución de custos e a facilidade de emprego, “con múltiples beneficios como a optimización do gasto en comunicacións de voz”.
Máis en detalle, levaranse a cabo demostración do postos de Voz en Rede Total (con centraliña Aastra e Hacom, que Telefónica porá no mercado a finais deste mes) e con tres dos servizos de computación na nube de Aplicateca, unha ferramenta de seguimento GPS a través do móbil que, segundo conta a operadora española, só estaba até o de agora ao alcance da man das grandes empresas con alto volume financeiro.

PUBLICIDADE