Telefónica acorda facerse co control de Digital Plus

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

O panorama audiovisual está a vivir uns tempos de grande cambio en España, e tras o cesamento de emisións de varias canles de TDT sabemos agora a través de Vozpópuli que tamén vai mudar radicalmente a oferta de televisión de pagamento, pois Telefónica acadou un acordo co Grupo Prisa para facerse co 56% do capital social de Distribuidora de Televisión Digital, S.A. por 725 millóns de euros, como podemos ver no feito relevante destacado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores, quedando esta operación pendente das autorizacións regulatorias e ao cumprimento das condicións habituais neste tipo de transaccións.
Enténdese así que, tras o visto bo dos órganos de Competencia, Telefónica pasaría a tomar o control de Digital Plus, compañía da que xa tiña o 22% das participacións, polo que pasaría a contar co 78% do accionariado, o que abriría a porta á integración dos contidos de Digital Plus na plataforma audiovisual de Telefónica. O 22% restante das accións correspondería a Mediaset España, compañía da que se comenta que estaría interesada en desprenderse de tal participación, polo que a futura absorción de Digital Plus por parte de Telefónica parece cada vez un feito máis próximo.

PUBLICIDADE