Telefónica achega na Universidade de Vigo 15 bolsas para o seu programa Talentum

xoves, 6 de xuño do 2013 Redacción

Aspirantes da Universidade de Vigo ao programa de bolsas da operadora

Telefónica vén de presentar na Universidade de Vigo o seu programa Talentum, unha iniciativa que se dirixe a estimular o espírito innovador entre o colectivo estudantil, pasando dos ditos aos feitos (achégase apoio orzamentario e formativo). Máis polo miúdo, do que se trata é da concesión dunha serie de bolsas (no caso da Universidade de Vigo un total de 15) para que os estudantes poidan desenvolver os seus proxectos este verán na Fundación Barrié e baixo a supervisión dun titor a tempo completo. A presentación celebrada este mércores 5 de xuño contou coa presenza do reitor Salustiano Mato e máis de Manuel Alonso, director da división galega de Telefónica. O programa Talentum Startup, no seu nome ao completo, estréase na nosa terra constituíndose, en palabras de Mato e Alonso, como unha oportunidade “moi interesante para que calquera alumno e alumna poida desenvolver as súas ideas e comezar a fabricar o seu propio futuro”.
Salustiano Mato tamén lembrou que a UVigo é unha das sete institucións de toda España escollidas para levar a cabo este programa, “o que quere dicir que se nos identifica como fonte de talento”.
Como dixemos, o obxectivo desta iniciativa é impulsar o talento innovador entre os mozos e mozas abríndolles camiño para que poidan desenvolver as súas ideas tecnolóxicas en contornas de alto rendemento, ao tempo que se potencia a súa integración no mercado laboral. O programa comezará o 1 de xullo e, a partir de aí, a operadora fornecerá aos estudantes de apoio económico, ademais de formación en habilidades empresariais, tecnolóxicas e sociais. A idea de Telefónica é “continuar a cadea de apoio ao emprendemento seleccionando xente que ten boas ideas e talento para dotala de recursos e axudala a desenvolver proxectos que teñen visos de converterse nun negocio”, explicou o director da operadora en Galicia, Manuel Alonso, durante a presentación do programa de bolsas no Paraninfo da Reitoría. Sobre os destinatarios, fixo saber que se trata dun programa dirixido especialmente a enxeñeiros, informáticos ou programadores, aínda que está aberto a todo tipo de formacións. De todas formas, a súa vertente é claramente tecnolóxica, en boa medida por afinidade coa actividade de Telefónica e pola propia natureza do programa. Porén, na proba que se fixo trala presentación houbo variedade de procedencias: participaron 20 alumnos e alumnas de Enxeñaría de Telecomunicación, de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría Informática, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas ou Dereito. A maioría, sinala a Universidade de Vigo, preséntanse porque ven na iniciativa “unha oportunidade para entrar no mundo laboral e, aínda que é difícil conseguir entrar, hai que probar sorte e ver que pasa”.

Ana José Varela, directora xeral de Investimentos da Fundación Barrié; Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; e Manuel Alonso, director de Telefónica en Galicia


Na devandita proba, os escolmados propoñen aos aspirantes un reto que teñen que superar e, en función das tecnoloxías que usen, do desenvolvemento da iniciativa e das solucións e do maxín quen poñan en xogo, avalíase a súa iniciativa e poden pasar a integrarse en Talentum Startups. Nesta quenda escolleranse en Vigo a un máximo de 15 alumnos e alumnas, dependendo do nivel que haxa, aínda que a organización tamén está valorando a posibilidade de abrir unha convocatoria tamén na Coruña.
Sinalar que máis de 300 estudantes universitarios innovadores de toda España xa se formaron nos últimos anos grazas a Talentum Startups. Con todo, a iniciativa, lembra a operadora, non é a única desta natureza que Telefónica leva a cabo para a formación e inserción no mercado laboral dos mozos e mozas.
A través de Talentum Universities ofrécese un plan de bolsas de longa duración que ofrece a titulados a oportunidade de aproximarse á realidade empresarial a través da formación práctica en Telefónica. En anteriores convocatorias o 96% dos bolseiros deste programa acabaron incorporándose como persoal fixo da empresa.

PUBLICIDADE