Telefónica acende en Ourense e Lugo a 5G na banda de 700 MHz

xoves, 24 de marzo do 2022 S. P.

Telefónica vén de prender en Ourense e Lugo a 5G na banda de 700MHz. Fíxoo trala autorización de aceso concedida aos operadores o pasado mes de febreiro polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Vilardevós e Pereiro de Aguiar, en Ourense, e O Páramo e Becerreá, en Lugo, son os primeiros concellos da provincia en dispor desta frecuencia, que permite unha cobertura máis extensa, penetra mellor en interiores e ten moi baixa latencia. O aceso en máis municipios farase de forma progresiva, co obxectivo de chegar a final de ano a 1.400 en toda España e a 2.400 en 2023.
Vantaxes da banda de 700
A banda de 700 MHz, tamén chamada banda baixa, vai permitir a Telefónica “dar unha cobertura máis extensa, penetrar mellor en interiores e universalizar algunhas das características das comunicacións 5G, como é a baixa latencia”, sinala a operadora de telecomunicacións, engadindo que a dita banda é o complemento perfecto para a de 3,5 GHz, na que tamén opera Telefónica e que resulta “idónea para servizos que precisan de moi alta velocidade de transmisión, pero que ten un alcance menor e atravesa peor algúns obstáculos como as paredes dos edificios, algo que si posibilita o sinal na banda de 700 Mhz”.
Haberá máis
As devanditas son as primeiras activacións da 5G en 700 MHz da provincia de Ourense e Lugo, “pero haberá máis”, xa que a Administración permitiu facelo en 60 instalacións á semana durante as primeiras semanas, sinala Telefónica.
O obxectivo en toda España é terminar o ano con 1.400 municipios con 700 MHz e en 2023 chegar aos 2.400.
Co aceso do 700 MHz, Telefónica segue completando a cobertura 5G, que en España chega xa a máis do 80% da poboación, a todas as capitais de provincia e tanto ás grandes poboacións como pequenas localidades de menos de 3.000 habitantes.

PUBLICIDADE