Telefónica Tech impulsa a ciberintelixencia para fortalecer a defensa dos clientes

xoves, 14 de decembro do 2023 S. P.

Telefónica Tech segue a dar pasos relevantes no camiño de dotar ás empresas das ferramentas de ciberintelixencia máis avanzadas, garantindo que teñan unha postura proactiva fronte as ameazas. Neste senso, a compañía tecnolóxica lanzou un novo servizo integral de ciberintelixencia para fortalecer as defensa das grandes empresas en materia de ciberseguridade mediante unha identificación, comunicación e redución dos riscos de seguridade máis eficiente.
Segundo explica a empresa, o novo servizo de Telefónica Tech “proporciona orientación experta e unha intelixencia en tempo real que abrangue todos os niveis da análise das ciberameazas para que os responsábeis de seguridade das organizacións poidan anticiparse, detectar e defenderse dos riscos máis sofisticados”.
O servizo evolucionado de ciberintelixencia de Telefónica Tech forma parte dos servizos xestionados de NextDefense cos que a compañía garante a ciberresiliencia dos negocios e inclúe esta ampla gama de produtos en función do nivel de madurez das compañías e do perfil do profesional que a recibe: Intelixencia Táctica, Intelixencia Operativa e Intelixencia Estratéxica.
Telefónica Tech subministra o servizo de ciberintelixencia desde o seu Centro de Operacións Dixitais (DOC), que opera con dúas localizacións en España e Colombia, e onde profesionais de diversas nacionalidades e especializacións (analistas de ciberintelixencia, criminólogos, lingüistas, entre outros) achegan o seu coñecemento e experiencia na identificación, análise e mitigación de ameazas e incidentes.
A compañía tecnolóxica ten capacidade para procesar e xerar intelixencia de ameazas propia, pero tamén ten acceso a unha ampla variedade de fontes de intelixencia de ameazas, ferramentas e tecnoloxías para proporcionar avaliacións completas. Entre outros, Telefónica Tech é membro de Cyber Threat Alliance (CTA) e colabora coa Rede Nacional de SOC española (RNS).
A monitoraxe durante as 24 horas e todos os días da semana permite a Telefónica Tech “garantir que as ameazas se identifican e abordan en tempo real, ademais de crear solucións personalizadas adaptadas ás necesidades e perfís de risco de cada cliente”, explican fontes da empresa.
Pola súa banda, Alberto Sempere, director de Servizos, Innovación e Partnerships en Telefónica Tech, afirmou que “coñecer, comprender e perfilar aos ciberatacantes converteuse en algo esencial para que as organizacións poidan anticiparse e detectar ataques que non cobren as solucións defensivas tradicionais. O noso compromiso é proporcionar aos nosos clientes as solucións máis avanzadas e efectivas para protexer os seus datos e activos críticos. Co lanzamento deste novo servizo de ciberintelixencia de ameazas estamos a reforzar o noso compromiso de axudar ás empresas para contrarrestar as ameazas con confianza”.

PUBLICIDADE