Telefónica, Orange e o Concello de Padrón levarán cobertura a máis de 3.600 fogares e empresas

xoves, 10 de setembro do 2020 S. P.

O Concello de Padrón vén de anunciar novos e importantes avances en materia de cobertura de Internet e fibra óptica, que, segundo fai saber, chegarán a máis de 3.600 fogares e empresas en datas vindeiras. O fornecemento tecnolóxico vén da man de dous operadores de telecomunicacións, Orange e Telefónica, con quen colabora o Goberno local para o desenvolvemento do proxecto, fixando en aproximadamente tres meses o prazo para rematar este plan de cobertura. “A través del, a cidadanía de Padrón poderá acceder ás comunicacións fixas máis avanzadas do mercado”, explicou.
O concelleiro de Servizos, Ángel Rodríguez, detallou que “investir en telecomunicacións é moi necesario, xa que numerosas actividades do noso día a día hoxe ocorren a través de Internet, e incluso o éxito de moitas empresas dependen desta plataforma”. Segundo engadiu, o despregue levarase a cabo en “numerosos lugares do concello”, entre os que se inclúen o centro do mesmo e lugares como A Igrexa, Herbón, Extramundi de Abaixo, Vilar, Berxaos, Outeiro, Rial, Ribadulla, Sande, Sinde, Sobrerrivas, Baiuca, Vigo, Cortiñas, Rego da Manga, Santa Cruz, Aduana, Barco, Cambelas, Paraíso, Pousa, Rueiro, Calzada e Lamas.
O mapa de cobertura poderase ampliar en datas vindeiras, informou o concelleiro.
Orange fixo saber que o seu labor estase a centrar no despregue por canalización existente (o 95% da mesma, sendo o investimento, para esta iniciativa, de 465.000 euros.
Telefónica tamén puxo o foco no aproveitamento das canalizacións subterráneas (só nos casos nos que non existise infraestrutura dispoñíbel realizarase o despregue por tendidos aéreos por postes ou en trazados por fachada).
O Concello lembrou que a instalación desta rede é de balde para a Administración local e a cidadanía, e “non supón ningún compromiso de contratación posterior dos servizos por parte dos habitantes de Padrón”. Ademais, dixo, as dúas operadoras de telefonía quixeron evitar molestias aos residentes, e por iso minimizaron ao máximo a obra civil que están a desenvolver.

PUBLICIDADE