Telefónica Open Future terá centro de emprendemento TIC en Helsinqui

venres, 18 de decembro do 2015 Redacción

Telefónica Open Future, a iniciativa global de crowdworking tecnolóxico da operadora na que se insire Galicia Open Future (Cidade da Cultura, Santiago), vai ter sede seu en Helsinqui: un centro acelerador de empresas semellante en certos aspectos ao que temos no monte Gaiás compostelán pero operando dende a área metropolitana da capital de Finlandia. Así o vén de dar a coñecer hoxe Telefónica, tras asinar un acordo co Ministerio de Emprego do país escandinavo, máis polo miúdo co as entidades Team Finland, Invest in Finland e Tekes (a Axencia Finlandesa de financiamento para a innovación).
Na palestra empresarial prevista para a capital as novas iniciativas tecnolóxicas finesas recibirían, en palabras da operadora, “apoio en asesoramento e en oportunidades de financiamento para dar forma ao seu negocio a escala global”. Asemade, o centro servirá de punto de apoio para os emprendedores españois que queiran introducirse no mercado finés, “perfeccionando o seu produto e ampliando a súa carteira de clientes”.
O obxectivo de Team Finland é “acelerar a internacionalización da actividade de novas empresas no sector da información, as comunicacións e a tecnoloxía, e axudalas na procura de mercados nos que medrar”. A colaboración con Telefónica Open Future ofrece “unha excelente oportunidade para que as compañías finlandesas accedan a novas oportunidades de negocio internacional”, sinalou Severi Keinälä, conselleiro industrial do Ministerio de Emprego e Economía.
Para Telefónica, “esta alianza espalla a presenza internacional da aceleradora máis aló de China e Corea do Sur, onde xa estamos presentes, sendo a colaboración con Finlandia unha forma natural de ampliar a actividade en Europa e atraer start-ups de tecnoloxía avanzada que teñen interese en traballar noutros mercados, como son España, Colombia, México, Arxentina e Brasil, así como posibilitar que os emprendedores españois tamén teñan a oportunidade de presentar e culminar os seus proxectos nos mercados nórdicos”, informou Ana Segurado, directora de Telefónica Open Future.
Nunha primeira fase seleccionaranse 20 compañías cuxa convocatoria se renovará anualmente. O panorama actual de Finlandia, para que non o saiba, é de puxanza TIC e, polo tanto, de grandes oportunidades. Segundo conta de primeira man Marko Vänskä, responsábel de Industria e Capital para o Crecemento de Finpro, “o país conta con empresas vangardistas en solucións tecnolóxicas intensivas en coñecemento e, ademais, está a aumentar de continuo a súa reputación e atractivo a través da posta en marcha de eventos e concentracións onde amosar a súa tecnoloxía, como aconteceu recentemente con Slush, un dos maiores eventos de emprendemento do Norte de Europa”.

PUBLICIDADE