Telefónica, Gradiant e o INCIBE mellorarán a ciberseguridade das empresas

luns, 2 de novembro do 2020 S. P.

Telefónica, o Centro Tecnolóxico galego Gradiant e o Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE) veñen de prolongar a súa alianza co obxectivo de facilitar a transferencia de coñecemento en ciberseguridade ás empresas galegas e, tamén, promover a retención de talento especializado en protección tecnolóxica. Ao mesmo tempo, fomentarán a concienciación sobre a necesidade da seguridade dixital na sociedade galega.
Así o recolle o acordo que o tres institucións subscribiron a semana pasada e que se vai desenvolver a través de TEGRA, o centro de ciberseguridade que ElevenPaths, a compañía security de Telefónica, e Gradiant crearon en 2018 (xurdido no marco da unidade mixta de investigación IRMAS) para desenvolver produtos e servizos que permiten mellorar a seguridade da información das empresas.
O convenio que fixa os obxectivos das tres institucións foi asinado polo director executivo de ElevenPaths, Pedro Pablo Pérez García, o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire, e a directora xeral de INCIBE, Rosa Díaz Moles. Entre as actividades que se desenvolverán inclúense a elaboración dun informe bienal de investigación co obxectivo de transferir coñecemento ao tecido empresarial, a realización de xornadas STEM para fomentar as vocacións para os estudos de ciencias, especialmente orientada ás nenas en Galicia, ou a realización de xornadas para favorecer o emprendemento en ciberseguridade.
A unidade mixta de investigación en protección de tecnoloxías, comunicación e información, IRMAS 2.0, que dará continuidade ao traballo iniciado por TEGRA, conta co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e está co-financiada polo Programa Operativo FEDER 2014-2020 da Unión Europea, cuxo obxectivo é promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a investigación de calidade.

PUBLICIDADE