Telecor pechará as súas tendas na Coruña, Vigo e Vilagarcía

venres, 23 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro 28 de febreiro El Corte Inglés pechará todas as tendas das súa distribuidora de telefonía móbil, Telecor, segundo publica ADSLZone, operación que non suporá despedimentos, xa que o persoal asignarase aos departamentos de electrónica dos centros comerciais da firma. O negocio de Telecor tamén integrarase nos centros comerciais, dentro das seccións de electrónica e telefonía móbil, ou sexa, que o que pechan son as tendas existentes fóra dos centros comerciais de El Corte Inglés, como a que teñen na rúa Juan Florez da Coruña, a da rúa Urzaiz en Vigo ou a de Vilagarcía de Arousa.
Lembremos que as tendas de telefonía móbil levan xa varios anos experimentando unha complicada crise que provocou grandes reestruturacións, de aí que vésemos como en 2015 The Phone House rexistrou 12 millóns de euros en perdas e tivo que pechar 65 tendas, para rematar vendendo o negocio a Dominion o ano pasado. De feito, a propia Telecor leva anos decaendo, pois en 2012 contaban cuns 250 establecementos, que en 2015 tiveran que recortar a menos de 90, de aí que non sexa ningunha sorpresa o peche dun negocio que non tiña unha clara estratexia (especialmente na súa canle en liña, na que incluso adoptan unha marca diferente).

PUBLICIDADE