Telecomunicación e as empresas recoñeceron o alumnado de novo ingreso co mellor expediente

xoves, 9 de marzo do 2023 S. P.

A excelencia académica dos futuros investigadores Adriana Pazos, Pablo Sanz e Daniela Sanz (que posúen, con notas superiores a 13,20, os mellores expedientes de novo ingreso no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación no concurso 2022-2023) foi recoñecida este martes 7 de marzo nun acto que por vez primeira organizou a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo coa colaboración das empresas BorgWarner, Centum Research&Tecnology e Optare Solutions, que entregaron cadanseu cheque por importe de 2000 euros aos tres estudantes.
A entrega dos galardóns desenvolveuse na Escola antes do inicio da xornada de formación na que participaron parte dos máis de 250 estudantes de centros de ESO, FP e Bacharelato que o vindeiro mes de maio participarán na fase clasificatoria das I Olimpíadas Nacionais Teleco, organizadas por 20 escolas de Enxeñaría de Telecomunicación de España. Os 256 alumnos e alumnas que tomarán parte na fase local que se celebrará na EET da UVigo representan case o 40% do total das inscricións recibidas por todos as escolas do país.
No acto de recoñecemento ao alumnado cos mellores expedientes de acceso ao Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación no curso 2022-2023, a directora da Escola, Rebeca Díaz, e os representantes de BorgWarner, Optare e Centum, destacaron a relación entre o centro e as firmas, así como a importancia de captar o alumnado con máis talento. Neste sentido, Rebeca Díaz volveu poñer de relevo a iniciativa Conexión Teleco, “unha rede de traballo e conexión entre empresas do sector e máis a nosa escola”, que desde hai anos dá acubillo a actividades formativas ou prácticas e que se formalizou coa entrega dos premios celebrada este martes. A directora da Escola, facendo referencia á celebración do 8-M, amosou ademais a súa ledicia porque dúas das premiadas sexan mulleres “porque as titulacións técnicas teñen un nesgo claro masculino”, dixo Rebeca Díaz.
Roberto Pérez, socio consultor de Optare Solutions foi o encargado de entregar o premio a Daniela Sanz e lembrou na súa intervención o seu paso pola EET como estudante, ao igual que outros integrantes da firma. Por parte de Centum, Carmen Prego , responsable de Persoas, entregoulle o premio a Adriana Pazos e tamén destacou a compoñente feminina do premio. Telmo Calle, director do Centro técnico español para a electrónica da empresa, de BorgWarner entregou o galardón a Pablo Sanz e destacou a importancia de Conexión Teleco.
A I Olimpíada Nacional de Teleco comeza a quecer motores Co propósito de reivindicar a Enxeñaría de Telecomunicación, amosando os múltiples eidos de actividade nos que está presente e como pode mellorar a calidade de vida e en concreto como impacta nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS), por vez primeira unha vintena de escolas de enxeñaría de Telecomunicación de España, xunto ao Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación (COITT) e o Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación (COIT) organizan este ano unha olimpíada nacional, dirixida a alumnado de ESO, Bacharelato e FP.
No caso da fase local que acollerá a EET da UVigo participarán un total de 256 estudantes: 197 de 13 centros da ESO das catro provincias; 46 de oito centros de FP de Pontevedra, Ourense e A Coruña e 13 de catro centros de Bacharelato de Pontevedra e A Coruña. “En total temos 256 estudantes, o que representa o 39% das inscricións recibidas por todos os centro de Teleco de España, onde hai outras 19 escolas que ofertan a competición local”, explica Rebeca Díaz, para quen esta positiva resposta “denota a boa relación da EET cos centros pre-universitarios, aos que acudimos habitualmente para ofrecer charlas divulgativas no ámbito das telecomunicacións, e máis o alto interese que este tipo de competicións espertan no alumnado e no profesorado”.
Na xornada de formación celebrada este mediodía na EET, a organización local da olimpíada facilitoulles ás e aos participantes os kits de traballo, de placas programábeis e compatíbeis co IDE e Arduino, cos que terán de deseñar e desenvolver un proxecto aliñado coa enxeñaría de telecomunicación e o ODS 11, Cidades e comunidades Sustentábeis. Os kits de traballo están patrocinados polas empresas BorgWarner, Indra e Televés.

PUBLICIDADE