Telecinco e Cuatro abordan hoxe o seu pacto de fusión

venres, 18 de decembro do 2009 Raquel Noya

As cadeas nacionais Telecinco e Cuatro, teñen todo preparado, segundo anuncia El Correo Digital de hoxe, para levar a cabo a “primeira fusión de cadeas de televisión privada en España”.
Ao parecer, Mediaset e Prisa teñen pactada a integración inmediata de Telecinco e Cuatro, unha decisión que vai ser abordada hoxe polos Consellos de ámbalas dúas cadeas, xa que suporá a ampliación do capital da cadea controlada por Berlusconi e a entrada de Prisa no capital social de Telecinco con entre un 20 e un 25 por cento do accionariado.
A fusión supón que ambas cadeas sigan a operar a través das súas propias marcas, nembargantes, a xestión levarase a cabo conxuntamente, ao mando de Alejandro Echevarría, como presidente e dous conselleiros delegados, Paolo Vasile e Giuseppe Tringali.
Paralelamente, o grupo de Berlusconi compraralle a Prisa un 22 por cento de Digital+, por unha cifra aproximada de 500 millóns de euros, compartindo accionariado con Telefónica, que hai uns 15 días pagou 470 millóns polo 21 por cento da plataforma de televisión por satélite.

PUBLICIDADE