Telecinco denuncia a YouTube

venres, 20 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Edificio da sede de Telecinco

Telecinco interpuxo esta semana unha demanda a YouTube por difundir ilicitamente e sen autorización contidos da canle televisiva nun proceso polo que a web de vídeos propiedade de Google está a conseguir un «lucro pola explotación de dereitos de propiedade intelectual e industrial» segundo defendeu Mario Rodríguez, secretario xeral de Telecinco.
YouTube, pola súa banda, sostén que só é un intermediario na publicación de vídeos na Internet, opinión non compartida pola canle de Paolo Vasile, que consideran que ao comercializar publicidade grazas á publicación dos vídeos están a beneficiarse de contidos alleos.
Tamén indicaron que localizar en España aos responsables de YouTube para notificarlles a demanda foi unha labor «ardua», o que tamén indicaría que o portal actúa fóra da legalidade. Telecinco tamén reclamara unha reparación económica dunha contía aínda por determinar.
Dende Telecinco apuntan que moitas das súas series e programas aparecen en YouTube a poucos minutos da súa emisión, o que prexudica á súa explotación posterior noutras fiestras como a TDT, a telefonía móbil e a propia Internet.
Moitas canles norteamericanas tamén emprenderan accións semellantes contra YouTube, pero na meirande parte dos casos se pecharon con acordos de xeito que as empresas de televisión comparten os beneficios publicitarios con Google e tamén contan cunha ferramenta para denunciar os contidos non autorizados para a súa eliminación.
Estas medidas emprendidas por Telecinco están a ser moi criticadas na Internet, pois parece que «impedir que se difunda un vídeo é coma pórlle portas ao campo» e pretenden máis un acordo económico que unhas medidas de fondo. Lembremos que Telecinco é unha das poucas canles que non abraza o éxito de YouTube, pois na actualidade Televisión Española, Antena 3, Cuatro e mesmo a TVG contan coas súas propias canles no portal de vídeos de Google.

PUBLICIDADE