Tegnix lanza en aberto e en galego o curso Wikis en educación

xoves, 20 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

Roberto Brenlla, de Tegnix

Temos xa accesíbel unha máis que interesante achega formativa sobre o coñecemento creado de xeito colectivo e ao abeiro das redes. Trátase dun recurso creado por Tegnix e que ten a súa base na colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no proxecto europeo WikiSkills, no que participan outras seis institucións agrupadas baixo o acubillo da fundación Ynternet.org. WikiSkills, unha iniciativa da que xa temos falado en Código Cero, consiste basicamente en fomentar o fluxo de formación, información e coñecemento aberto para apuntalar un futuro no que a Sociedade da Información sexa o máis semellante posíbel a unha wiki ou a unha comunidade de colaboración de software libre.
O proxecto inclúe cousas como o desenvolvemento do dito curso de introdución ás wikis ao servizo dos educadores. A coordinación e a xestión desta achega educativa da iniciativa foi encomendada á firma galega Tegnix por parte do CESGA, tal e como informamos en novembro. Máis polo miúdo a través do seu servizo de formación Aula Tegnix.
Agora, a firma galega informa que a actividade xa está dispoñíbel, en aberto e con versión galego. Asemade, inclúe un importante traballo de Antonio Gregorio e Elisardo Juncal, integrantes e promotores de Galipedia, que elaboraron a sección Comunidade para o devandito curso, traducindo estes materiais a nosa lingua e ofrecéndoo tamén de xeito gratuíto, tanto en galego como en castelán. Témolo ao alcance da man na Aula Tegnix, e en breve estará dispoñíbel na Aula CESGA. O temario é o seguinte:

  1. Introdución
  2. Coñecemento básico sobre wikis
  3. Ensinando con wikis
  4. Creando materiais educativos
  5. Comunidade
  6. Licenzas
  7. Documentos adicionais
  8. Ligazóns

Como lembraremos, WikiSkills ten a súa razón de ser na investigación directa do impacto das wiki na sociedade actual, “porque implican comportamentos sociais moi importantes, tales como cooperación, respecto, traballo en equipo, desenvolvemento de contidos e xestión comunitaria”. Tirando dese fío, chegamos a conceptos como comportamento cívico, inclusión social, emprego, entendemento cultural e habilidades para aprender de xeito autónomo.
WikiSkills acadaría estes obxectivos fornecendo cursos de formación en ferramentas wiki e habilidades aos grupos obxectivo. “Estes cursos proporcionarán un entendemento básico das novas tecnoloxías da información e o uso participativo de Internet”, informan os responsábeis do proxecto.
O grupo WikiSkills está conformado por expertos de toda Europa con longa experiencia en software libre ou aprendizaxe a distancia, como por exemplo o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Wikimedia Suecia, a Fundación Ynternet.org (entidade coordinadora) ou Die Berater, entre outros centros e entidades da contorna europea.

PUBLICIDADE