Tecnópole lánzase á procura de empresas galegas que queiran practicar a innovación aberta

martes, 5 de febreiro do 2013 Redacción

Como advertimos hai unhas semanas, había moitas posibilidades de que a Tecnópole lle dese continuidade ao seu proxecto 5 Sentidos para Innovar, un programa cuxa posta en marcha serviu para conmemorar as dúas décadas de vida do complexo empresarial de San Cibrao das Viñas (Ourense) e, tamén, para formalizar o afianzamento dunha nova fórmula de cooperación aberta para sermos máis competitivos. Unha fórmula que non se basea en complexos postulados matemáticos e de probabilidades senón en algo tan sinxelo como os cinco sentidos de cada quen interactuando cos das persoas que ten ao seu arredor. Esta metodoloxía de intercambio aberto de experiencias e coñecemento, que nun principio abrangueu a 90 empresas e centros de coñecemento da Tecnópole, esténdese agora, tralo éxito colleitado, a entidades de toda a nosa xeografía.
A dinámica do proxecto-evento, informan fontes do parque ourensán, toma como argumento de partida que é preciso agudizar os cinco sentidos para innovar de forma colaborativa, o que á súa vez dá lugar a un sexto sentido orientado especificamente á innovación. Para acadar isto e para asegurar a máxima participación das entidades de todo o noso país, “habilitarase unha sala polivalente con recursos novidosos e distribuído en cinco espazos, cada un deles ambientado de xeito particular para estimular cada un dos sentidos e fomentar o coñecemento mutuo entre as empresas participantes co obxectivo de identificar alianzas baseadas na innovación”.
Os participantes poderán escoitar a experiencia de empresas de diferentes sectores no ámbito da innovación aberta, “que implica que os procesos de innovación saian dos departamentos de I+D das empresas para dar lugar a dinámicas baseadas na colaboración”. Esta fórmula, engade a Tecnópole, estase a promover como “unha solución en tempos de crise, xa que permite compartir os custos da innovación entre empresas sen quitar que os resultados lles permitan competir entre elas”.
Nesta liña, profesionais de compañías como Google, R e Galicia Mar Renovables amosarán as súas experiencias e animarán aos asistentes “a pensar diferente para innovar e ser máis competitivos”. A eles sumaranse representantes de sete empresas da Tecnópole, que explicarán cales son as fortalezas das súas organizacións en termos de innovación e o que os diferencia para ser máis competitivos. A inscrición ao evento é gratuíta e pode formalizarse xa na páxina web 5sentidosparainnovar.com

PUBLICIDADE