Tecnoloxía galega premiada no Movilforum

luns, 25 de maio do 2009 Raquel Noya

Satdata Telecom, unha das nosas empresas de telecomunicacións con máis proxección internacional, vén de ser galardoada por Telefónica co premio ao Mellor Caso de Éxito Movilforum na categoría de Innovación con Servizos de Localización, que a operadora outorgou o pasado xoves 21 de maio durante a cerimonia de clausura da Feira Movilforum, que este ano celebrou a súa oitava edición.
O proxecto galardoado consiste nun servizo para as brigadas anti-incendios da Dirección Xeral de Montes, baseado en tecnoloxías GPS e GPRS, que logrou mellorar a coordinación e a optimización dos recursos na loita contra o lume da Xunta a través da localización e a xestión óptima dos vehículos.
En concreto, Satdata Telecom integrou un terminal exclusivo capaz de mover unha gran cantidade de información e que se adapta ás condicións extremas ás que se expoñen estes vehículos, o que permite un seguimento automático das rutas asignadas aos mesmos e a obtención de información dos recursos dedicados ao incendio en tempo real.
Asemade, o sistema axuda aos vehículos a saber cara onde deben dirixirse ou en onde deben abastecerse de auga, o que lles outorga a autonomía precisa para autoxestionarse en casos de emerxencia.
O xurado, composto por persoal de Telefónica, valorou o grao de innovación do proxecto, a súa empregabilidade, a súa funcionalidade, os dispositivos de aplicación, a complexidade do desenvolvemento e a calidade prezo/valor.

Empresa colaboradora de Telefónica
Satdata Telecom, ademais de ter sido galardoada por Telefónica polo seu labor en prol da localización de vehículos para a prevención de incendios, tamén posúe o selo de Empresa colaboradora de Telefónica, un distintivo que esta última concede a aquelas entidades tecnolóxicas que, tras pasar uns controis de calidade e coñecemento, son acreditadas para poder desenvolver proxectos de mobilidade sobre solucións de Telefónica.

PUBLICIDADE