Tecnólogo por un día abre a inscrición da súa segunda edición

venres, 25 de xaneiro do 2019 Redacción

AMTEGA abre o prazo de inscrición de Tecnólogo por un día, unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para reducir a fenda a demanda e a oferta de perfís profesionais dixitais en Galicia.
Dirixido a estudantes de 12 a 17 anos, Tecnólogo por un día, ofrece a posibilidade de experimentar en primeira persoa un día de traballo nunha empresa tecnolóxica. Desde hoxe e ata o próximo 8 de febreiro está aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent.
As 65 prazas dispoñibles nesta edición asignaranse aplicando o resultado dun sorteo considerando as preferencias dos participantes e, posteriormente, serán as empresas as que se poñan en contacto con eles para concretar a data e o horario da xornada que resulte conveniente para ambos.
Unha vez rematado o período de inscrición, as visitas ás empresas desenvolveranse entre o 18 de febreiro e 22 de marzo, datas nas que se acollerá nos 19 centros de traballo das empresas colaboradoras aos 65 participantes que resulten seleccionados nesta edición. Ao longo destas xornadas o alumnado participará directamente das actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.
Tecnólogo por un día comezou este curso 2018/19 cunha gran acollida, rexistrando máis de 100 solicitudes de inscrición de máis de 20 centros educativos distintos. O alumnado participante na primeira edición tivo a oportunidade de coñecer de cerca a aplicación das TIC en sectores como a administración, a educación, a industria ou o transporte, entre outras.
Nesta ocasión, repiten experiencia as organizacións que xa se implicaron no seu comezo Altia, Everis, Televés e a propia AMTEGA, e cóntase coa participación de 11 novos colaboradores: Coremain, DXC Technology, Orange, R, Sivsa e os socios do Clúster TIC Galicia 3.14 Financial Contents, Aldaba, Cinfo, Dos Espacios, Sixtema e Tecalis.

PUBLICIDADE