Tecnoimaxín mostrou na Guarda as posibilidades das TIC no emprego

martes, 30 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O sábado rematou na Guarda unha iniciativa de adestramento e empregabilidade cun forte compoñente tecnolóxico e innovador. Estamos a falar de Tecnoimaxín, feira a prol da formación e o emprendemento que veu da man do Concello e a Deputación e que acubillou un importante número de relatorios, obradoiros e paneis, incluída unha feira sobre a tecnoloxía que construímos todas e todos: a tecnoloxía Maker.
En termos máis concretos, contou coa presenza (entre outras relatoras) da Débora Ramónde (que fixo un percorrido polos proxectos actuais da Zona Franca de Vigo), da psicopedagoga Gema Sánchez Cabezudo (achegando aos participantes ás competencias emocionais para afrontar un futuro laboral dixitalizado), dos desenvolvedores Manuel Rodríguez e Alejandro Santos (que mostraron o traballo da empresa OPRobots e fixeron fincapé nas posibilidades da robótica e a programación), dos profesores multimedia Emilia Simao e Samuel Barbosa (que achegaron coñecemento e recursos sobre vídeos en 360 graos) ou da conselleira delegada do Grupo Caeiro (que ofreceu un relatorio sobre as novas perspectivas no eido dos recursos humanos).
Nesta edición da feira, que se celebrou durante tres días na Casa dos Alonsos da Guarda, contouse tamén coa participación de empresas e empresarios da comarca coma Imersys Ceramics, Bonos Bienestar, Coballes, Fernando Coello, Alicerce, Comunica e Randstad. O obxectivo da iniciativa foi “estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño”.
O proxecto conta cunha páxina web (www.imaxinaguarda.com) onde se puideron consultar informacións de interese sobre este feira do emprego e formación, que aspira a converterse “nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial”.

PUBLICIDADE