Tech Kids e os seus obradoiros de robótica e drons recalan en Ribeira, Santa Comba, no Barco e na Coruña

martes, 28 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) seguen estes días achegando a tecnoloxía argalleira, a que se estuda e se fai coas nosas propias mans, ás nenas e nenos de toda a nosa xeografía. Estamos a falar do programa Tech Kids, que se desenvolve nos concellos até setembro (dende xullo) e que xiran arredor de robótica, creación de personaxes para videoxogos ou pilotaxe de drons. Esta semana, sen ir máis lonxe, as actividades construtivas e ilustrativas sobre vehículos aéreos non tripulados chegan a Ribeira (este mércores) e Santa Comba (o xoves 30). Ademais, este 29 tamén se celebra no Barco unha xornada sobre robótica, que chegará a Coruña o día 31.
Como lembraremos, o obxectivo do programa Tech Kids é “fomentar o talento dixital das nenas e nenos de toda Galicia” ao tempo que “se mellora a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo”.
Ao abeiro do programa, como dixemos, estanse a organizar sesións de iniciación na pilotaxe de drons coma as que se desenvolven esta semana en Ribeira e Santa Combra. Estas xornadas están destinadas a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft (para entender os controis e movementos) e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.
As iniciacións aos vehículos aéreos non tripulados proseguirán a semana que vén en Cuntis (día 1), San Sadurniño (día 8), Cerceda (día 10), Valga (día 11) e Celanova (día 12) . O día 10 de setembro, a robótica recala en Abegondo, o 12 en Pontedeume e o 13 en Pontevedra. Tamén haberá cita cos drons en Ribadeo o 13 de setembro.

PUBLICIDADE