Tecalis impulsará a dixitalización de Executivas de Galicia e as entidades das súas asociadas

xoves, 30 de setembro do 2021 S. P.

A Asociación Profesional Executivas de Galicia elixiu a empresa tecnolóxica Tecalis, con sede no Novo Polígono de Milladoiro (Ames), como partner para o seu proceso a dixitalización e para impulsar a transformación nas compañías e institucións ás que pertencen as súas asociadas, máis de 250 directivas e executivas.
Será, sinalaron, un proxecto conxunto que constará de varias fases. Na primeira, incorpóranse as tecnoloxías de sinatura electrónica e comunicación certificada de Tecalis aos procesos e operacións clave da asociación. Con iso, sinalaron as responsábeis das dúas entidades, Executivas de Galicia dará “un salto cualitativo en produtividade, axilidade e posibilidades”.
“Unha organización como Executivas, que representa, defende, visualiza, forma, reivindica e consolida o talento feminino, non pode estar á marxe do proceso de dixitalización. Somos conscientes do enorme valor que nos pode ofrecer Tecalis como empresa aliada nesta materia. Este é o primeiro proxecto, pero estou segura de que haberá moitos máis. Estamos en fase de crecemento e as ferramentas dixitais resúltannos imprescindibles”, explicou Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia.
“Tecalis, sen dúbida, aposta por alianzas con organizacións que potencien o talento feminino. Como compañía comprometida cos valores de igualdade de oportunidades e diversidade, é todo un orgullo dotar dos mellores recursos a asociación que xera cambio positivo tanto na economía como na sociedade”, fixo saber Berta Mirás, directora corporativa de Bo Goberno & Responsabilidade Tecnolóxica e Empresarial de Tecalis.
Tecalis, socia dixital dalgunhas das compañías máis referenciais do ámbito estatal, aproveitará neste acordo a súa bagaxe achegando tecnoloxía de vangarda a organizacións, empresas e institucións de todo tipo para que estas poidan transformar os seus procesos e operacións para ser máis sustentábeis e produtivas.
O proxecto, que xa está en marcha e que verá axiña como a primeira fase é despregada, continuará evolucionando en dúas vertentes: a inclusión de máis solucións e a transformación de procesos e actividades na asociación; e a extensión a través de acordos destas tecnoloxías ás organizacións, institucións e compañías nas que traballan as súas socias.

PUBLICIDADE