Taylor Swift abandona Spotify e consegue vender máis dun millón de copias do seu último álbum nunha semana

venres, 7 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A cantante Taylor Swift está a facer historia co seu último álbum, 1989, por conseguir vender 1.287.000 copias na súa primeira semana, o que sería a primeira vez nos últimos 12 anos no que un disco consegue superar o millón de copias (o anterior foi o The Eminem Show publicado en xuño de 2002) e Swift incluso sería a primeira artista en conseguir superar o millón de vendas nunha semana en 3 álbums dende 1991 (cando Nielsen SoundScan comezou a facer un seguimento das vendas musicais).

Imaxe compartida por Taylor Swift na que pode verse como era a cantante a última vez que un álbum vendeu un millón de copias na súa primeira semana

Pero esta grande marca por parte da cantante norteamericana está a dar moito que falar por varios motivos: por unha banda, desbotaríase a lenda de que o público xa non merca música; e por outra banda temos o feito de que Taylor Swift retirase a súa música de Spotify, dificultando escoitar a súa música de balde, e creando un grande balbordo. A cantante asegura que a industria musical está a mudar a grande velocidade, de aí que xurdan cousas novas como Spotify, servizo que considera “como un grande experimento”, e finalmente decidiu que non se sentía cómoda coa súa contribución a un experimento que considera que non xustifica axeitadamente a compositores, produtores, artistas e creadores musicais, deixando claro que non está “de acordo con perpetuar a percepción de que a música carece de valor e debería ser de balde”.
Pero as declaracións de Swift poderían contrastar coa realidade de moitos artistas, xa que segundo datos de Kobalt Music Publishing, que representa a 6.000 compositores como Stevie Nicks ou Paul McCartney, os compositores ingresaron en Europa durante o primeiro trimestre do ano un 13% máis das reproducións a través de Stopify que das vendas de descargas de iTunes, en contraste cos resultados do ano pasado, cando iTunes xeraba máis regalías. De termos en conta os ingresos doutros servizos en liña como YouTube, temos que en moitos mercados os artistas poden acadar maiores ingresos das reproducións en liña que da venda da súa música.

PUBLICIDADE