Tarde audiovisual en Compostela e Pontevedra

martes, 7 de febreiro do 2012 Raquel Noya

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, ten preparadas para esta mesma tarde dúas actividades relacionadas co sector das novas tecnoloxías aplicadas ao audiovisual, que se levarán a cabo en Santiago de Compostela e Pontevedra.
A primeira delas, a celebrar na capital galega, é unha master class sobre marketing audiovisual impartida pola canadense Félize Frappier, que dará comezo a partir das 18:00 horas na aula CeMIT do Centro Multimedia de Galicia, e que leva por nome, Audiovisual Marketing and International Sales.
A xornada, que se estenderá ata ás 20:00 horas aproximadamente, xa ten cubertas tódalas prazas, e vai dirixida a produtores, axentes de vendas internacionais e outros profesionais do sector audiovisual interesados en ampliar os seus coñecementos sobre o mercado internacional das industrias culturais.
Na charla, impartida integramente en inglés, Félize Frappier falará, primeiramente, da súa experiencia e o funcionamento do mercado audiovisual en Canadá, nunha segunda parte afondará nos pasos a seguir para preparar a asistencia a un mercado internacional e, finalmente, abordará a explicación dun caso práctico no que amosará algúns exemplos de estratexias de lanzamento e promoción.
A relatora, que actualmente está centrada no desenvolvemento de La Canicule des pauvres (Heat wave), traballa no sector da distribución como axente de vendas para Max Films International.
Por outra banda, no marco do ciclo de cine galego Master clases AUGAL, que se imparte en Pontevedra como parte do programa Audiovisual nas Aulas, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vai acoller a proxección, a partir das 16:00 horas, do filme Crebinsky, que contará coa presenza do director da película, Enrique Otero e o actor Miguel de Lira.
Trala proxección da cinta, o Consorcio prevé a celebración dun foro-debate, que contará coas intervencións de Enrique Otero, director, coguiosnista e coprodutor de Crebinsky, e Miguel de Lira, actor, coguionista e coprodutor.