Tangas para geeks con mensaxes de erro da Web

xoves, 8 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Cantas veces ó longo das nosas vidas de internautas chegamos a topármonos de fociños con mensaxes do tipo de “404 not found” ou “403 forbidden”? Mellor non contalas. Pois ben, o primeiro quere dicir que estabamos a procurar algo no lugar incorrecto e o segundo, que o sitio web ó que pretendiamos entrar tiña acceso restrinxido. Un código de estado pouco probable de atopar (pero verdadeiramente existente) é o “200 OK”, que en liñas xerais significa que estamos a ver a páxina axeitada ás nosas necesidades.
ThinkGeek.com ofrece a posibilidade de poder transmitir estas mensaxes directamente ós nosos interlocutores a través da roupa interior, para evitar ter que dar longas escusas e razóns de peso ante situacións incómodas.
Que mellor indirecta que un tanga cun “403 forbidden” cando non apetece “xogar” coa parella ou un “200 OK” cando o que pretendemos é un achegamento intelixente e efectivo. Outras mensaxes dispoñibles (aínda que non tanto recomendables) son “413 Requested Entity Too Large” (que vén a dicir que a entidade solicitada é grande de máis) ou a devandita de “404 not found” que é máis ben todo o contrario.
Suaves, cómodos e elásticos, os HTTPANTIES W3C (non aptos para cohibidos) son de algodón 100% e están deseñados tanto para home como para muller. Iso si: é indispensable ter un aquel de geek para poder empregalos.

PUBLICIDADE