Talentos Inclusivos do CITIC, Premio Nacional de Enxeñaría en Informática

venres, 3 de marzo do 2023 S. P.

O proxecto Talentos Inclusivos do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) vén de ser premiado polo Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática de España co Premio Nacional de Ingeniería en Informática na sección Humanismo e compromiso social.
Xunto con este proxecto entregaranse outras oito distincións o vindeiro 16 de marzo, nun acto na sede da Real Academia de Ingeniería, en Madrid.
O proxecto Talentos Inclusivos, desenvolvido polo CITIC e outras entidades, está destinado a fomentar as vocacións TIC entre a xente nova ao tempo que dá visibilidade aos problemas das persoas con diversidades funcionais e motrices e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras.
O obxectivo é dobre: por unha banda fomentar as vocacións TIC entre alumnado de Secundaria e Bacharelato e, polo outro, ofrecer apoio aos devanditos colectivos en risco de exclusión. Para isto, creáronse grupos de traballo colaborativos. Entre os proxectos xurdidos ao longo do curso académico, destacan un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.
Trátase dun proxecto colaborativo, posto en marcha polo CITIC xunto con ASPACE Coruña, co apoio do Consello Social da UDC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE