Talentia Summit pecha a edición de 2023 con máis de 33.500 usuarias no seu espazo virtual

venres, 17 de novembro do 2023 S. P.

Talentia Summit, a feira de talento e innovación organizada polo Concello de Santiago, pechou esta mañá a súa edición de 2023 con máis de 33.500 usuarios e usuarias únicas no seu espazo virtual, 7.000 máis que en 2022. En total, a páxina web do evento achegouse ás 46.000 sesións, con máis de 2.600 reservas na oferta formativa virtual, e case 1.900 currículos intermediados.
Segundo confirmou o Concello, a edición 2023 de Talentia Summit deixa números moi importantes, que superan aos de anteriores edicións en canto á participación. Na web talentiasummit.com contabilizáronse 45.714 sesións de 33.545 usuarios e usuarias únicas, e máis de 328.000 páxinas vistas. A maioría das persoas usuarias, máis de 10.000, foron de Santiago. Séguelle Madrid, con máis de 6.000 usuarios e usuarias únicas, e Vigo, con 3.500. Por detrás sitúanse, en número de persoas usuarias na web, A Coruña, Barcelona, Valencia, Pontevedra, Sevilla e Ourense.
Ademais, a oferta formativa na feira virtual sumou 2.664 reservas, e a través de Talentia Summit foron intermediados 1.882 currículos para as 538 vacantes ofertadas en 224 ofertas de emprego diferentes. Ademais, a través dos stands virtuais das empresas participantes axendáronse 1.123 videochamadas para a realización de entrevistas, e houbo 221 reservas para mentorías de desenvolvemento profesional.
Nesta edición, Talentia Summit recuperou tamén o seu formato presencial, con cursos de formación nos que participaron máis de 300 persoas, mentorías, asesoramento, e entrevistas de traballo por parte de diferentes empresas.
En canto ao Foro Talentia, celebrado o pasado 10 de novembro no CGAC, contou coa asistencia de máis de 250 persoas, e outras 1.300 visualizaron xa o acto en Youtube. En total, os vídeos de Talentia Summit publicados nesta plataforma suman 74.470 visualizacións.
O Foro Talentia Summit estivo centrado este ano na tecnoloxía e a innovación, e máis en concreto en como a Intelixencia Artificial está reconfigurando o panorama laboral, na promoción do talento local e na reflexión sobre as políticas de igualdade e conciliación.
O evento contou coa participación de importantes relatores como Alex Rayón, Susana Pascual, Santiago Domínguez, Carmen Castro, Tino Fernández, Ignacio Ramos, Anna Cabó, Guillem Garcia Brustenga e Isabel Pernas; así como da concelleira de Promoción Económica e Emprego, María Rozas, o secretario xeral de Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Pablo Fernández; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

PUBLICIDADE