Talentia Summit ‘20 ofrece 18.000 prazas en centos de actividades virtuais

mércores, 11 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Santiago vén de achegar máis detalles sobre a nova edición da feira de emprendemento innovador Talentia Summit, que se celebra entre o luns 23 e o venres 27 de novembro, en formato cen por cen virtual e con ofertas de emprego activas, cursos de formación, certificacións oficiais e un foro de conferencias estratéxicas. O período de inscrición abrirase este sábado 14 de novembro ás 18.00 horas. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo técnico municipal de Emprego, Xavier Ferreiro, presentou este mércores 11 de novembro, en rolda, o contido do foro, que virá con máis de 18.000 prazas en diversas actividades para potenciar o perfil profesional das persoas participantes.
O alcalde expresou a “gran satisfacción e a responsabilidade” que supón organizar esta edición, totalmente online, “o que non significa que sexa peor”, engadiu o rexedor, que vaticinou que a do 2021 será “a mellor de todas”.
Segundo fixo saber, durante a feira, os participantes poderán achegarse ás empresas máis relevantes que están na procura de talento, coñecer as súas ofertas de emprego e reservar chamadas directamente cos responsables de contratación.
Na feira ofertaranse milleiros de prazas en cursos de formación en directo, certificacións oficiais, actividades online de formación, sesións de mentoring persoal e orientación laboral.
O rexedor e o técnico municipal de Emprego explicaron que “previo rexistro e solicitude de participar no evento”, os usuarios poderá visitar os stands virtuais das empresas, nos que poderán descubrir as ofertas de emprego activas das empresas, coñecer as actividades das empresas e os programas de captación de talento e contactar cos responsábeis das áreas de contratación de persoal.
Nos stands virtuais as empresas indicarán a súa dispoñibilidade e establecerán contacto telefónico directo coa persoa que realiza a reserva. As ofertas de emprego xa están accesíbeis na páxina web de Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela..
Máis de 2.000 prazas en formación
Ademais dos cursos de formación en liña, Talentia Summit porá a disposición dos usuarios webinars, obtención de certificados oficiais, xornadas de orientación laboral para a optimización do seu currículos e tamén consultoría e asesoría coas sesións de mentoring persoais.
Segundo fixo saber o Concello de Santiago, a oferta de formación de Talentia deste ano é a seguinte:
- 330 Prazas en certificacións oficiais
- 2000 Prazas en cursos de formación
- 672 Prazas con 28 mentores profesionais
- 1.000 Prazas en 25 webinars
- 360 Prazas de orientación laboral
O Foro Talentia: expertos comparten como superar a incerteza
Este ano, o Foro celebrarase o venres 27 de novembro ás 18.00h. Dada a situación excepcional provocada pola COVID19, reformularase o formato seguindo as instrucións das autoridades sanitarias. Así, malia a situación actual, multiplicarase o aforo de asistencia xa que poderán seguir o evento vía streaming.
Actualmente, está confirmada a participación de Beatriz Navarro, directora de Marketing e Comunicación de FNAC España, Juan Carlos Alcaide, experto en experiencia cliente na era do coronavirus, María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS, e Joaquín "Kin" Martínez, codirector do festival O Son do Camiño e presidente da Federación ES Música, entre outros.
Ademais estarán presentes as autoridades institucionais Pedro Duque, ministro de Ciencia e Innovación, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, e Xosé Sánchez Bugallo - alcalde de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE