TRES(3) preséntase como unha operadora de telecomunicacións sen ánimo de lucro

martes, 15 de novembro do 2022 Marcus Fernández

O actual panorama competitivo no sector das telecomunicacións é moi variado, de xeito que podemos atopar ofertas aptas para case calquera necesidade, polo que parecía difícil que algunha compañía puidese sorprender como fai TRES(3), que asegura ser «a primeira operadora de telefonía en España sen ánimo de lucro» que ofrece servizos a particulares e empresas.
Estamos ante un operador que asegura vender os seus servizos a prezo de custo, aínda que esixindo para iso unha cota de socio de 3 euros/mes para particulares e 33 euros/mes para empresas, e que promete fibra óptica sen permanencia con cobertura tripla e que incluso conta cunha tarifa ilimitada con 5G.
A tarifa de móbil máis básica desta compañía é a Ilimitada 33GB, que por 6,95 euros/mes ofrece chamadas ilimitadas, mensaxes de texto ilimitados e até 33 GB de datos no móbil a máxima velocidade; mentres que por 9,95 euros/mes ofrecería a tarifa Ilimitada Infinita con até 99 GB de datos no móbil a máxima velocidade; e por 17,95 euros/mes achegaría datos ilimitados baixo 4G, cobrando 22,95 euros/mes de querermos gozar de 5G.
En fibra, a compañía ofrece conexións de até 333 Mbps por 22,15 euros/mes.
Ao manter o servizo un mínimo de 6 meses o usuario pode aforrar o custo de router e a instalación (159 euros).
A compañía comezará a aceptar pedidos na súa páxina web o vindeiro 23 de novembro ás 15:00, resultando interesante ver a reacción do público ante unha proposta tan curiosa, dunha compañía totalmente descoñecida.

PUBLICIDADE