TEGRA xerou emprego de alta cualificación e achegou tecnoloxías referenciais en ciberseguridade

luns, 29 de maio do 2023 S. P.

O venres 26 de maio Gradiant, centro privado de tecnoloxía TIC con sede en Pontevedra, e Telefónica Tech, compañía de transformación dixital, celebraban o V aniversario de TEGRA Cybersecurity Center, unha unión promovida por ambas as entidades que se converteu en referente en canto á innovación de ciberseguridade en Galicia e exemplo de colaboración público-privada. Na cita fixeron balance deste medio lustro de actividade, no que foi posíbel xerar tecnoloxías que hoxe son un referente en materia de protección.
Foi en 2018 cando o centro puxo o foco no desenvolvemento de tecnoloxías de ciberseguridade cubrindo aspectos como a protección da información, a protección contra a fraude dixital e a xeración de ciberintelixencia. Para iso realizouse un investimento conxunto de 3,85M, dos que 1,1M corresponden a investimento achegado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Luís Pérez Freire, director xeral de Gradiant, destacou o importante papel de programas como o de Unidades Mixtas de Investigación, no relativo á estabilidade e a inxección de recursos que supón. “Aínda que Gradiant e Telefónica Tech xa colaboraramos con anterioridade non sería posíbel todo o traballo realizado nos últimos anos sen a existencia de TEGRA”, apuntou Pérez.
Pola súa banda, Patricia Argerey, directora da GAIN, subliñou o papel da Unidade Mixta IRMÁS-TEGRA no posicionamento tecnolóxico de Galicia nun sector emerxente e con gran potencial de crecemento como a ciberseguridade.
TEGRA fixo posíbel a creación de emprego cualificado nun sector de gran demanda e potencial de crecemento, xerando máis de 10 empregos directos e involucrando a máis de 40 persoas no sector da I+D+i en Galicia.
Indo ao encontro de celebración do pasado venres 26 de maio, dicir que asistiron: INCIBE, GAIN, AMTEGA, a Universidade de Vigo e Ecix Group, realizando unha presentación dos resultados de TEGRA, e facendo unha reflexión sobre a importancia da ciberseguridade e a xeración dun ecosistema sólido nun ámbito tan importante e habilitador para o futuro da economía como é o da ciberseguridade. Asemade, houbo tempo para novidades: tendencias en produtos e servizos de ciberseguridade coa visión estratéxica achegada por Telefónica Tech neste eido.
Así, TEGRA Cybersecurity Center enmárcase na unidade mixta de investigación en ciberseguridade IRMÁS 2.0 (Information Rights Management Advanced Systems), que está co-financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
O centro naceu fai cinco anos co obxectivo de desenvolver produtos e servizos que melloren a seguridade da información das empresas galegas mediante técnicas criptográficas avanzadas, deseñar mecanismos de comprobación da identidade no acceso á información e ferramentas de análises de datos, ademais de sistemas de clasificación de documentación e de detección de accesos irregulares á información.
A xeito informativo, segundo o Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE), xestionouse en 2022 118.820 incidentes de ciberseguridade, un 9% máis respecto ao ano anterior, dos que máis de 110.100 afectaron a cidadáns e empresas. Salientar que 1 de cada 3 son unha filtración de datos sensibles, protexidos ou confidenciais que son roubados por unha persoa non autorizada; e 2 de cada 5 son vulnerabilidades de sistemas tecnolóxicos.
En canto aos incidentes máis frecuentes, INCIBE destaca o phishing con case 17.000 incidentes, seguido do malware con máis de 14.000. Cifras que avalan a necesidade de transferencia de coñecemento en ciberseguridade ás empresas galegas, así como de fomentar e concienciar á sociedade da importancia da seguridade dixital.

PUBLICIDADE