TADEGa organiza un curso sobre prácticas dixitais na atención á diversidade

xoves, 20 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

A Asociación sen Ánimo de Lucro TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega), formada por profesionais galegos de distintos campos implicados no ensino e, de maneira especial, na atención á diversidade, vén de anunciar que os vindeiros días 11 e 12 de febreiro, levará a cabo en Ourense o II Congreso TADEGa sobre Prácticas dixitais na atención á diversidade, dirixido a formar ás persoas asistentes no uso das TIC como ferramentas para a integración dos colectivos máis desfavorecidos na Sociedade da Información.
Entre outras cousas, os relatores asistentes a este II Congreso TADEGa Ourense 2011, desenvolverán temas relacionados coas ferramentas dixitais que hai ao servizo e atención do alumnado con NEAE (Necesidades Educativas de Apoio Específico) ou cos recursos dixitais para traballar en Sistemas Alternativos e Aumentativos da Comunicación.
Para desenvolver o programa (provisional), os convidados analizarán e traballarán con ferramentas de comunicación traducidas ao galego, dispositivos móbiles para a comunicación, ou con ferramentas dixitais de baixo custe e para a creación de recursos dixitais.
O curso, que conta cunha certificación oficial outorgada pola Consellaría de Educación, desenvolverase o venres 11 e o sábado 12 de febreiro, e terá unha duración de 12 horas.

PUBLICIDADE