TADEGA prepárase para informar das vantaxes de accesibilidade do iFreeTablet e mesmo para distribuílo na nosa terra

luns, 15 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

Moito se fala estes días das criaturas de Apple e dos desenvolvementos achegados ao seu servizo e dos seus usuarios, e ben pouca marxe fica para outras apostas alternativas, como por exemplo o iFreeTablet, un dispositivo desenvolvido baixo software libre e no que os seus responsables despregaron un bo número de esforzos para acadar as mellores condicións de accesibilidade. Pois ben, segundo nos contan dende o blog de TADEGA, o dispositivo (do que falamos en detalle co gallo da súa presentación como opción libre ao iPad) conta co apoio de entidades ben activas no eido do deseño de programación aberta, como por exemplo a Universidade de Córdoba, que é a responsable do sistema operativo libre do devandito trebello.
A gran novidade de todo isto, sinalan no caderno da dita asociación galega, está en que falamos de tecnoloxía que provén de España e non de Estados Unidos, dun sistema operativo libre baseado en Linux que é múltitáctil e que ademais está pensado para ser empregado por persoas con diversidade funcional. Trátase así, sinálase, da primeira vez que asistimos á presentación dunha tecnoloxía accesible e usable que se adianta no mercado ás competidoras ou ben se pon en pé de igualdade.
Con todo, engade TADEGA, cómpre achegarlle o máximo apoio, sobre todo no eido da promoción e da divulgación, dous eidos que practicamente lle veñen dados ás empresas da competencia sen apenas esforzo pola súa parte, principalmente dende as canles de comunicación que acaparan hoxe en día a demanda informativa. Precisamente na liña de divulgar é onde se sitúan as cuartas Xornadas TADEGA (o 26 e máis o 27 deste mes), que nesta edición contarán co a presenza de Carlos de Castro Lozano, do Grupo de Investigación EATCO e responsable do iFreeTable e o iFreeSIN, que afondará nas funcionalidades do trebello e con opcións a que todos os asistentes poidan coñecelo de preto nun stand que se vai habilitar a tal efecto.
Asemade, cómpre informar que a asociación galega está neste intre en negociacións para dirixir a distribución do aparello na nosa terra, abranguendo o labor de tradución do seu sistema operativo ao galego para conseguir, “deste xeito, que sexa plenamente un sistema máis para todos e todas aínda”, sinalan os responsables de TADEGA.

PUBLICIDADE