T3 escolma as mellores cantadas da predición tecnolóxica

venres, 12 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Alan Sugar non pensaba que o iPod puidese chegar a trunfar

Cada ano, cando chega decembro, semella que a febre por albiscar no futuro en materia de innovación e tecnoloxía sube varios graos. A cantidade de predicións é tan grande como se poida imaxinar e, como soe pasar neste tipo de casos, son máis as que non se cumpren cás que se cumpren. Porén, as que obteñen máis relevancia nos medios a medio e longo prazo son as que dan no cravo, en boa medida porque os responsables do acerto ocúpanse ben de que se saiba. Pero que ocorre con todas aquelas operacións que no eido do predictivo tiveron practicamente a mesma repercusión que un gatillazo? Pois os seareiros dos infortunios informativos de calquera índole están de sorte, porque a revista T3 vén de facer unha escolma do máis interesante. Trátase dunha recompilación das 10 predicións lanzadas aos catro ventos que de menor e peor maneira se cumpriron co paso do tempo no eido das novas tecnoloxías.
Ou sexa, que a revista pon unha vez máis de manifesto que en ocasións o fracaso é incluso tan interesante coma un trunfo. Sobre todo a efectos prácticos: a fin de contas, para adentrármonos nunha exploración por terreos descoñecidos que levar a alguén diante. Se el cae, nós recuamos ou viramos.
O caso é que no primeiro posto da listaxe deste particular ranking de anti-adiviños está Alan Sugar, o fundador dos ordenadores Amstrad, que aventurou hai agora uns tres anos o gran fracaso do iPod, e dun xeito explícito: “O vindeiro Nadal o iPod estará morto e acabado e desaparecido”. Ben, se cadra algo fallou na dirección do tiro, posto que do iPod vendéronse nos anos posteriores 174 millóns de reprodutores.
Por certo que na listaxe tamén atopamos a xente que non caeu precisamente en desgraza neste eido empresarial tan axitado das novas tecnoloxías. É o caso de Bill Gates, quen probablemente tivo un mal día cando dixo que o correo spam estaba no camiño de ir desaparecendo. A predición, como podemos comprobar os que temos correo electrónico de calquera índole, quedoulle coma un lanzamento de pelota cara a atrás. No segundo posto da listaxe atopamos unha frase pronunciada en 1977 coma un epitafio surrealista, a cargo de Ken Olsen, fundador de Digital Equipment: “Non hai necesidade de ter un computador en cada casa”.

PUBLICIDADE