T-Mobile non renovará o seu contrato con BlackBerry

mércores, 2 de abril do 2014 Marcus Fernández

Unha nova lousa parece pousarse sobre BlackBerry, compañía canadense que anunciou hoxe que o operador T-Mobile nos EE.UU. non vai renovar o seu acordo de licenzamento para produtos BlackBerry, que expira o vindeiro 25 de abril, de xeito que deixará de comercializar os seus terminais, aínda que aseguran que os clientes actuais de T-Mobile con dispositivos BlackBerry non se verán afectados de ningún xeito no seu servizo. Os usuarios afectados poderán seguir informándose dos produtos de BlackBerry a través da páxina web da compañía.
O director xeral de BlackBerry, John Chen, asegura que “Blackberry tivo unha relación positiva con T-Mobile durnate moitos anos. Desafortunadamente agora as nosas estratexias non se complementan e debemos realizar o que resulte máis beneficioso para os nosos clientes. Esperamos poder volver a traballar con T-Mobile no futuro, cando as nosas estratexias de negocio se aliñen”.
T-Mobile xa perdeu a confianza en BlackBerry hai meses, e xa no mes de setembro anunciara que deixaba de remitir terminais BlackBeery ás súas tendas físicas e dende o mes de febreiro están a ofrecer aos seus clientes con BlackBerry que muden o seu móbil por un iPhone (ofrecendo descontos na migración).

PUBLICIDADE